Este fin de semana tiveron lugar en Villa Florentina dous actos de especial relevancia que, apesar de algún que outro imprevisto, deixaron un moi bo sabor de boca entre os asistentes.
Contabamos para o sábado coa presencia do Director Xeral de Conservación da Natureza, don Xosé Benito Reza, quen por motivos laborais e ao seu pesar, tivo que aprazar a súa visita a Villa Florentina. Mais outro dos convidados desta tarde, o profesor Jesús Izco Sevillano, acudíu puntualmente á cita concertada con esta tarde de lecer adicada ás Rutas Naturais en torno ao Bosque Animado, tema parcialmente ligado coa agradable tertulia que tivo lugar na tarde do domingo dentro da sección Té con historias. O profesor Jesús Izco Sevillano é catedrático de Botánica da Universidade de Santiago, presidente da Academia Galega de Farmacia e autor de diversas publicacións así como dun catálogo de árbores senlleiras de Galicia. Foi recibido polo director da Fundación, Antonio Montero e, despois de visitar a casa e os seus xardíns, tivo lugar unha amena charla onde se falou do entorno de San Salvador de Cecebre e da creación de determinadas rutas naturais onde o visitante poida facer un percorrido por este lugar a fin de admirar a paisaxe con toda a súa variada riqueza biolóxica.

Comeza así unha relación de colaboración co colectivo Terra das Mariñas, composto por diversos concellos da comarca, con infinidade de obxectivos. Entre eles pretendemos que esté o recoñecemento e a posta en valor do que a obra O Bosque Animado representa para a Terra das Mariñas, novela onde o escritor hai case 70 anos foi describindo os lugares dos municipios desta comarca: Carral, Crendes, Bergondo, Pravio, Bribes, Lema, San Tirso de Mabegondo… En representación deste organismo, que está a facer un esforzo notable por difundir a Comarca das Mariñas, e do Concello de Cambre, asistíu a este evento o concelleiro de cultura Xabier Iglésias.
O Sr. Izco, despois de visitar a fraga, destacou a valiosa riqueza que a mesma ten como valor histórico-literario, así como a calidade dos exemplares que a conforman polo seu porte, grosor, altura e idade en especies como o pinus pinaster, quercus rubra ou quercus pirenaica, deixando, así, a súa promesa de voltar pola FWFF.
Pola súa banda, o Sr. Montero fixo un percorrido botánico polo espazo que propón como ruta natural para camiñantes, amosando a tipoloxía de prantas e animais que alí se poden ver. Esta sesión foi enriquecida con imaxes diapositivas que reflicten os puntos de interés seguindo as referencias que fai o autor no Bosque Animado na súa obra.
Así mesmo, a charla posterior á conferencia foi moi animada e debemos destacar un comentario do Sr. José Carro, home da localidade que coñeceu persoalmente a Wenceslao e que vivíu con el e co seu pai, Eugenio Carro, interesantes tertulias. Ásí, contou unha anécdota en que, en certa ocasión, rematada a contenda civil e despois de manter unha pequena discusión de tipo político Eugenio Carro e Wenceslao, o primeiro díxolle: “Eu non teño que escapar do país e ti si. Ti tes que estar en Portugal”. Ao que Wenceslao replicou: “Se eu tivese a túa cabeza, tamén andaba por aquí”…

Para alén desta mesa redonda, o domingo día 1 de outubro tivo lugar unha nova tertulia dentro do ciclo Té con historias, onde desde hai xa varios meses, cada primeiro domingo de mes, se ven adicando este día a un persoeiro das letras, da música, da pintura ou doutras disciplinas artísticas, arredor dunha taza de té ou de café…

Así, a tarde do día 1 tivo como tema central San Salvador de Cecebre na obra de WFF. Esta tertulia foi conducida polo director da Fundación, Antonio Montero e nela, entre outras cousas, fíxose unha reflexión sobre a estreita vinculación existente entre o percorido vital do escritor e a súa obra así como a influencia que, en máis casos dos que pensamos, exerce a realidade sobre a ficción.