Fundación Wenceslao Fernández Flórez

28 Novembro 2006

Tardes de lecer na FWFF. A doncela guerreira

Arquivado en: Eventos — magago @ 6:56 pm

O vindeiro sábado, día 2 de Decembro, terá lugar en Villa Florentina a representación teatral do romance A doncela guerreira, na versión de Rafael Dieste. Será a cargo dos integrantes do grupo de teatro da FWFF Fas-que-fas.

foto familia.jpg

Como todos os sábados, ás sete do serán. Entrada gratuíta.

Sinatura de convenio

Arquivado en: Eventos — magago @ 6:51 pm

Na mañá do día 28 de Novembro Villa Florentina foi o escenario da sinatura dun Convenio de colaboración entre a Asociación Sectorial de Viticultores e Adegueiros de Betanzos e a Agrupación Agroalimentaria do Eume. Deste xeito, dentro do grupo de productos comercializados pola Asociación Agroalimentaria do Eume incluiráse o Viño da Terra de Betanzos.

Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 009.jpg   Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 005.jpg   Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 004.jpg

A este acto, coordinado polo Grupo de Acción Local Terra das Mariñas, acudiron diversos persoeiros da realidade social e política do noso entorno, á marxe dos respectivos presidentes das Asociacións asinantes.

Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 015.jpg   Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 013.jpg   Copia de Firma convenio Viños na FWFF 28 nov 06 024.jpg

O acto foi iniciado por Antonio Montero, director da Fundación, quen lle deu a palabra a Xabier Iglésias, concelleiro de cultura do Concello de Cambre e membro do padroado da Fundación. A continuación falaron os presidentes das dúas entidades asinantes, que recalcaron a importancia desta nova etapa de colaboración que comeza entre elas, destacando a importancia da recuperación de usos e costumes hortícolas aos que son alleas as novas xeracións.

O Director agradeceu a presencia das dúas organizacións en Villa Florentina, convidándoos a participar no proxecto de recuperaión hortícola dun xeito moderno, con xente nova fronte ao agro da comarca. Lembrou especialmente que Fernández Flórez foi un dos grandes defensores do agro galego contra a opresión dos caciques, tendo como voceiro o diario de Betanzos La Defensa. Por outra banda, o escritor foi un asiduo participante na nomeada celebración dos Caneiros, así como do viño e da gastronomía betanceira. Finalmente, o anfitrión, Antonio Montero, convidou aos participantes a visitar as instalacións e a exposición 100 Anos da fraga de Cecebre. Así, a continuación, degustáronse uns excelentes caldos aportados polos viticultores betanceiros, brancos e tintos, todos eles posuidores dun agradable sabor e sutil aroma, que deixaban o padal preparado para a inxesta dos queixos artesáns, con mel, os pementos ou as empanadas feitas con cogumelos da zona do Eume. Concretamente, chama a atención o magnífico Mencía elaborado na comarca de Betanzos, que en nada desmerece ao da Ribeira Sacra. Para os presentes foi unha das sorpresas polo seu excelente padal, suave, con corpo… Un viño, en fin, á altura dos mellores caldos!

Posiblemente despois da inxesta e acompañado de Dona Emilia Pardo Bazán, naqueles solpores en que degustaban as viandas recibidas desde a comarca da Terra das Mariñas, o escritor tería feito o comentario: “Ai, estimada amiga! Como melloran nisto os nosos campesiños. Estes non son aqueles caldos que nós tomábamos… Estes mesmo semellan aqueles outros que inxerían os curas chamándoos viños de misa!”.

Unha experiencia da vida na FWFF

Arquivado en: Eventos — magago @ 5:09 pm

O pasado sábado tivo lugar en Villa Florentina unha charla impregnada de emoción e de aventura.

Copia de Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 024.jpg

En efecto, na mañá do día 25 de novembro chegaron a Villa Florentina, procedentes das terras da beira sur da nosa comunidade, Antón Abreu, acompañado da súa dona, Rosa Mari, e Antonio Mínguez e a súa muller, Rosa.

A Antonio Mínguez foille entregada a máis alta condecoración, para un civil estranxeiro, polo goberno arxentino pola súa tarefa á fronte da radio arxentina no programa Sin Distancias, do mesmo xeito que aconteceu coa Asociación de Doantes de Sangue de Galicia por un programa feito por el para mellorar a sensibilidade do público de cara a unha mellor predisposición ante a doazón. Por outra banda, Antón Abreu, empresario importador de artigos alimentarios da Arxentina, é un home polifacético que adoita viaxar polo Amazonas e, sobre as súas experiencias nas terras de Sudamérica, falou ante o público asistente a este evento.

Polo azar da antroponimia foron recibidos polo director da Fundación, Antonio Montero, e guiados por el visitaron Villa Florentina e fixeron un percorrido polas terras de San Salvador de Cecebre e os seus arredores.

Copia de Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 004.jpg

Así chegou, pois, a hora da tarde, en que ante unha concurrida platea, tivo lugar unha agradable charla onde se falou da radio, de cine, de historia… e de aventuras!

Copia de Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 013.jpg   Copia de Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 016.jpg

Despois da presentación do acto, que correu a cargo de Antonio Montero, o locutor de radio e televisión Antonio Mínguez fixo un percorrido histórico polas primeiras emisións radiofónicas de contacto cos emigrantes dos paises sudamericanos para pasar despois a relatar a súa experiencia como locutor de radio, unha experiencia avalada por un sinfín de éxitos e de traballos en diversos medios. Pola súa banda, Antón Abreu captou a atención do público coa narración da súa experiencia nunha parte da Amazonia, na súa búsqueda de Alfonso Graña entre as tribus dos xíbaros, das que Graña, un galego case descoñecido, foi rei. En efecto: Antón Abreu viaxaba preguntando por Alfonso Graña, ata que o conduciron ante un home que respondía a ese nome. Abreu foi a onde aquel home estaba e achouno cando este saía do río co torso descuberto. Ao velo, Antón Abreu extrañouse pola cor oscura da súa pel. Entón pregunteoulle: Pero ti, non es Alfonso Graña? O home respondeulle que, en efecto, así o chamaban, mais fixo unha aclaración. Entre a súa xente era costume bautizar os rapaces con nomes de plantas, ou de ríos, ou mesmo de animais. Cando el se fixo maior e se víu obrigado a facer o servicio militar, tivo que mudar o seu antropónimo por unha secuencia de nome e apelidos. Así foi que adoptou o nome do que fora noutro tempo rei dos Xíbaros: Alfonso Graña. Mais el non era descendente deste home, nin corría sangue galega polas súas veas. Contou tamén Antón Abreu como se achou, en medio da escuridade da noite, cun indíxena ao que adicou unha peza interpretada coa súa armónica despois dunha emotiva conversa que constatou a sensibilidade extrema que posúen uns homes que moitos consideran, sinxelamente, “salvaxes”. Para alén diso, o señor Abreu domina con sutil sensibilidade a técnica dun instrumento tan particular como é a armónica, instrumento que, como xa vimos, o acompaña a onde queira que vai. Como non podía ser doutro xeito, interpretou algunhas pezas do seu repertorio persoal ante a sorprendida audiencia, pezas que gardan detrás toda unha experiencia da vida.

Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 034.jpg   Copia de Tres Antonios FWFF 25 NOV 06 025.jpg

Como colofón deste acto, Antonio Montero fixo entrega aos convidados dun agasalo en nome da Fundación. A continuación tivo lugar unha tertulia con café no ambigú preparado a tal efecto.

 

21 Novembro 2006

Tardes de lecer na FWFF. Sábado, día 25.

Arquivado en: Eventos — magago @ 6:41 pm

CONFERENCIA

Este sábado, día 25 contaremos en Villa Florentina coa presencia de Antón Abreu e Antonio Míguez, que tertuliarán co director da Fundación, Antonio Montero sobre Arxentina e Brasil: “Unha experiencia de vida”.

Será por volta das sete do serán. Entrada gratuíta.

Tardes de lecer na FWFF. Decembro.

Arquivado en: Eventos — magago @ 6:37 pm

Tardes de lecer na
FUNDACIÓN
WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ
 

DECEMBRO 2.006
 

“Non hai árbore que o  vento non teña sacudido.”
Proverbio hindú.

 

Sábado 2. TARDE DE TÍTERES con A doncela guerreira, adapatación de R. Dieste do popular romance. A cargo do grupo de teatro Fas-que-fas.
Domingo 3. TÉ CON HISTORIAS. A tertulia deste domingo estará adicada á figura de Sofía Casanova. A partir das CINCO da tarde.             
Sábado 9. LECTURA DRAMATIZADA de textos de CONTOS INFANTILES de Antoniorrobles. A cargo do grupo de teatro Fas-que-fas.
Sábado 16. TARDE DE MÚSICA. Contaremos coa presencia de Mini e Mero, que nos falarán sobre a Narración de Tempo de Nadal na Galicia Tradicional con exemplos musicais.
Sábado 23. CONFERENCIA sobre As Epifanías nos tímpanos baixomedievais na provincia da Coruña, a cargo de Carmela Galego Marante.
Sábado 30. Celebración dos CANTARES DE REIS.
 

Todas estas actividades terán lugar en Villa Florentina os sábados por volta das SETE DO SERÁN, agás a tertulia do domingo que principiará ás CINCO DA TARDE. Entrada gratuíta.
 

19 Novembro 2006

Tardes de lecer coa Gaita de Sarandón

Arquivado en: Eventos — magago @ 8:40 pm

Na tarde do sábado 18 de novembro contamos en Villa Florentina coa presencia do grupo de requinteiros A gaita de Sarandón, que presentaron aquí o seu disco Requinteiros do Ulla, acompañados por outro gaiteiro xa amigo da Fundación, Raúl Galego.  Este disco, recentemente saído á luz, foi editado por Edicións do Cumio e a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 006.jpg   Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 011.jpg   Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 021.jpg

A agrupación, formada por tres gaiteiros, tres requinteiros, un bombo e unha caixa, interpretou pezas diversas dun repertorio caracterizado pola súa esencia tradicional. Un dos obxectivos fundamentais deste grupo é reactivar o uso da requinta e salvar do esquecemento antigas composicións que só se conservan na memoria dos máis antigos requinterios da comarca. E é que a requinta é un peculiar instrumento cheo de historia,  pois é un modelo de frauta propio da Ulla que, según algunhas hipóteses, tería chegado aquí alá polo século XIX coincidindo coa Guerra do Francés, para integrarse cos grupos de gaitas propios do lugar.

Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 026.jpg   Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 029.jpg   Copia de A gaita de Sarandón FWFF 18 nov 06 033.jpg

Dous dos integrantes deste grupo, José Alvela Canicoba e Marcelino Brey Vázquez, xa formaran parte anteriormente do grupo A gaita de Vedra, un clásico da comarca e unha das primeiras agrupacións de requinteiros desta zona. Precisamente, é gracias á súa memoria e ao apoio dos mozos novos que conforman A gaita de Sarandón, que se están a recuperar moitas das pezas que tocaba aquela agrupación xa desaparecida. A traxectoria da requinta ao longo da historia tivo un momento crítico coa chegada das orquestas. Gracias ao labor de recuperación desta xente moitas novas xeracións poderán ter o privilexio de escoitar as notas deste singular instrumento perpetuando no tempo esta tradición.

Ao remate deste evento, que foi moi aplaudido polo público presente en Villa Florentina, foilles entregado un agasallo en nome da FWFF e do seu director, Antonio Montero, co desexo de que fique así unha lembranza desta particular e agradable xornada.

gaita de sarandón.jpg

18 Novembro 2006

Fotobiografía (III). A imaxe de Wences en San Salvador de Cecebre.

Arquivado en: Biografía — magago @ 1:17 am

Don Antonio Luis Fernández Lago foi o pai de Wenceslao.

ANTONIO LUIS FERNÃ?NDEZ, PAI.jpg   Antonio Luis Fernández Lago

Era natural de Ferrol, home bastante descoñecido do que tan só sabemos que era un “leal e valioso amigo”, tal e como aparece descrito nun eloxio da novela La tristeza de la paz publicado en La Aspiración, de Betanzos, o 11 de decembro de 1910. Aínda que está por demostrar, os datos apuntan a que foi profesor no Colexio Dequit, na Coruña, mais existen outras versións que o acreditan como empregado da Deputación Provincial da Coruña.

 DNA FLORENTINA.jpg   Florentina Flórez Núñez

Casa precisamente nesta cidade con Florentina Flórez Núñez o día 20 de outubro de 1887, cando Wenceslao xa tiña nacido. Esta circunstancia ha de marcar ao escritor durante toda a súa vida, xa que o escritor engana sistematicamente na idade para ocultar a vergoña de “ser fillo de solteira” e por non facerllo lembrar á nai, figura pola que sentía adoración. Dona Florentina era tamén filla de solteira, polo que sabemos, traballaba como costureira e tiña unha tenda de venda de artigos relacionados coa costura nos baixos da casa na rúa Torreiro, número 18, onde vivíu a familia e onde pode verse na fachada unha placa de recordatorio colocada polo concello da Coruña. Despois pasarán a vivir noutros domicilios na mesma cidade, como a rúa Alameda.

O matrimonio terá seis fillos: Wenceslao, Concepción, Antonio Luis, María del Carmen, Flora e Félix.

CARMIÃ?A FERNÃ?NDEZ FLÃ?REZ.jpg   Carmiña, a irmá máis nova. Morreu en 1913.

CONCHA FERNÃ?NDEZ FLÃ?REZ.jpg   Concha Fernández Flórez.

FÃ?LIX FDEZ.jpg   Félix Fernández Flórez.

FLORITA FERNÃ?NDEZ FLÃ?REZ.jpg   Florita Fernández Flórez.

Sabemos que Wenceslao estudou no Colexio Dequit e sabemos da súa propia man que xa con dez anos lles contaba contos da súa inveción aos seus compañeiros no patio do colexio durante o recreo.

NO COLEXIO DEQUIT.jpg    Imaxe de grupo na escola.

Os seus colegas de clase pensaban que esas historias eran sacadas da biblioteca do seu pai. Temos constancia de que despois estudou no Instituto da Coruña Eusebio da Guarda.

FAMILIA WENCES 002.jpg   Wenceslao na súa infancia.

Neste momento clave para o escritor, que apuntaba como bo estudante con vocación de médico, pois tiña pensado ir estudar Mediciña en Santiago, ten lugar o pasamento do seu pai, xusto cando Wences cumpre 15 anos e sendo a economía familiar moi feble. A súa nai abre unha tenda de mercería na rúa Alameda. Wenceslao ten que poñerse a traballar e recurre a amigos do seu pai: Manuel Puga y Parga (Picadillo), Juan Ponte Blanco, Galo Salinas, José Mª Riguera Montero, Luis Antón del Olmet…

16 Novembro 2006

A gaita de Sarandón conmemorando o día de Santa Icía

Arquivado en: Eventos — magago @ 1:25 am

O grupo de música tradicional A gaita de Sarandón presenta na fundación o seu disco Requinteiro co gallo da conmemoración de Santa Icía, patroa dos músicos.

Lembramos que tempo atrás xa estiveron algúns dos integrantes deste grupo na FWFF co motivo dun fermoso concerto que tivo como eixe central a requinta, un tipo particular de frauta de persoal son. E lembremos tamén, que este concerto fora moi ben acollido polo público da FWFF.

Este evento será o vindeiro sábado, día 18, por volta das sete do serán en Villa Florentina. A entrada é gratuíta.

12 Novembro 2006

Clausura das Xornadas de Medio Ambiente e Literatura na FWFF

Arquivado en: Eventos — magago @ 11:51 pm

Remataron este fin de semana as Xornadas de Medio Ambiente e Literatura na FWFF, deixándonos o regusto doce e oportuno dun froito de temporada.

Esta terceira sesión estivo adicada, fundamentalmente, á obra O Bosque Animado e á figura do seu autor, mais sen deixar de lado a lectura prevista para as Tardes de lecer na FWFF que estivo adicada (seguindo co propósito iniciado hai un tempo de dar a coñecer ao escritor polo que el mesmo lía) á figura de Cristóbal Lozano, historiador do século XVII cuxa obra Cuentos y leyendas forma parte da Biblioteca Particular de Fernández Flórez.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 066.jpg

Canto ás Xornadas de Medio Ambiente e Literatura debemos dicir que a sesión deste fin de semana congregou un grupo de traballo interxeracional que comezou facendo un percorrido por Villa Florentina coa finalidade de entrar en materia para o subseguinte desenvolvemento do curso, é dicir, para falar do escritor coruñés e da súa vinculación con San Salvador de Cecebre a fin de tratar de profundizar un algo na súa obra cimeira, O Bosque Animado, da man de Alicia Longueira.

Copia de bosq animado.jpg

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 021.jpg   Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 020.jpg

Así, despois de charlar sobre algúns dos aspectos salientables da novela e de analizar as distintas versións cinematográficas que da mesma levaron a cabo por distintos cineastas de moi diferentes tendencias, tivo lugar un taller de interpretación creativa onde os participantes tamén se deixaron levar polo seu maxín plasmando no papel a súa visión dalgúns dos capítulos da novela para pasar a continuación a seleccionar unha serie de fragmentos para a complementar a ruta literaria do domingo pola mañá.

 Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 023.jpg  Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 029.jpg  Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 035.jpg  Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 045.jpg  Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 048.jpg

A través desta ruta quixemos identificar fisicamente os lugares descritos no papel e, para que este labor fose desenvolto con maior precisión, contamos coa estimable axuda de Gema, unha veciña do lugar quen, cos seus 82 anos e un fondo pozo de sabiduría agochado na súa memoria, foi recordando as vivencias que Wenceslao plasmou na súa creación literaria. Así, lemos un fragmento da Estancia “El peregrino enamorado”, onde se describen as andanzas de Fuco cando roubaba o carbón que a máquina do tren ía soltando polo camiño; reflexionamos sobre o duplo concepto de “pesca”, tal e como o entende o pescador e tal e como o entenden as troitas do Río Mero representadas pola vella e sabia Trut.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 096.jpg   Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 125.jpg  Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 009.jpg 

Recordamos os traballos de Pilara no apeadeiro do tren, onde as leiteiras compraban o leite para levar á Coruña. Deleitámonos observando aquel perfil do Monte Xalo que, visto desde a Graveira, semella un bispo deitado e, xa chegando á última hora da mañá, achegámonos ata as ruínas do Pazo que se conservan na fraga e alí sumerxímonos na lenda da fermosa Gudelia…

Demos por rematada esta ruta literaria e, sobre todo lectora, voltando a Villa Florentina, onde Teresa nos agardaba cun suculento xantar co que repoñer as forzas perdidas durante tan intensa xornada.

Quedaron así clausuradas estas Primeiras Xornadas de Medio Ambiente e Literatura inauguradas hai tres semanas polo director da Fundación, don Antonio Montero, coa grande e optimista ilusión coas que hoxe se pecharon. A través delas puidemos apreciar a especial relación de simbiose existente entre disciplinas tan singulares como a literatura e a bioloxía e, sobre todo, a vinculación e os lazos afectivos tan estreitos que uniron ao escritor Wenceslao Fernández Flórez coa parroquia de San Salvador de Cecebre e coas suas xentes, impulsándoo a reflectir tal sentimento, ese máxico realismo tamén atribuído a Cunqueiro, nunha obra impregnada de humor e ternura, nunha novela da magnitude de O Bosque Animado.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 11-12 nov 06 FWFF 005.jpg

En resumo, podemos concluir sinalando que este é un espazo aberto que convida á reflexión analítica, á conversa, ao diálogo. Un lugar onde se vive a biodiversidade a través dun uso interdisciplinar do espazo, onde conviven e se relacionan actividades de xénese diversa, da vida cotiá, da ficción literaria, pictórica, escultórica, da fantasía en xeral… Un espazo reservado para a comunicación e para unha racional explotación dese recurso chamado imaxinación…

A través destas Xornadas chegamos á conclusión de que se fai preciso levar a cabo un labor de concienciación nunha sociedade que necesita estimular a súa sensibilidade a respecto do Medio Natural a través da protección do Medio Ambiente. Isto implica que, no medio hostil en que se desenvolve, o home debe buscar na súa memoria xenética, lembrar, facer un esforzo por escoitarse, por mirarse interiormente e evocar ata sentir un equilibrio… Debe reaprender a captar, a través dos sentidos, os múltiples estímulos cos que a Natureza sempre cambiante nos sorprende a cada instante nunha relación de convivencia: escoitar o remexer dun bichiño descoñecido entre os fieitos do monte e, ao tempo, percibir riba da cabeza a maxestuosidade coa que voan os bexatos inundando co seu forte chío o mesmo corazón da fraga que latexa no noso peito… Así, percibir, como nós percibimos nestes días, o cheiro da terra, das flores, do río… sentir o cruxir das follas caídas no outono debaixo dos pés, a humidade da herba ao sentarse nun arredor, o vento a soprar entre as follas dos carballos, dos castaños, dos salgueiros… En fin, sumerxirse nun mar de sensacións a través deste miúdo universo repleto de vida!

7 Novembro 2006

Un fin de semana na FWFF…

Arquivado en: Eventos — magago @ 12:51 am

O pasado fin de semana Villa Florentina converteuse nun verdadeiro fervedoiro de biodiversidade natural e cultural… Mais vaiamos por orde…

XORNADAS DE MEDIO AMBIENTE E LITERATURA

Comezou a mañá do sábado, algo máis tarde das nove, coa segunda sesión das Xornadas de Medio Ambiente e Literatura que, nesta ocasión, estiveron centradas na fauna de Cecebre e do seu entorno, guiadas pola man serena da bióloga Celia Gálvez. Despois de repasar as leccións básicas da anterior sesión pasamos a facer un percorrido polo amplo abano de seres que habitan a fraga de San Salvador de Cecebre e os seus arredores: desde as máis diminutas especies de mosquitos ata as aves de maior dimensión pasando polos anfibios, os mamíferos, os peixes…

minimosquito.jpg xoaniña lisa.jpg

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Té con historias 040.jpg gorrión do limón.jpg

Chegamos así á media mañá en agradable tertulia, momento en que tamén chegou á FWFF o seu director, Antonio Montero, para saudar aos presentes. El sería o encargado de coordinar na tarde dominical a tertulia Té con historias. A xornada do sábado continuou pola tarde cun percorrido polo entorno do encoro, o que nos permitíu observar as pegadas dos xabaríns, escoitar os rechouchíos das innúmeras especies de aves que poboan a zona e mesmo recrearnos cun delicioso solpor. E todo isto, despois de ter lavado a cara na Fonte de Santa Margarita.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 009.jpg Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 006.jpg

coleóptero bicor laranxa e negro.jpg merlo de río.jpg

Esta segunda sesión das Xornadas de Medio Ambiente e Literatura rematou na mañá do domingo cun percorrido pola Ruta dos Muíños, a carón do Río Mero, durante o que puidemos observar distintas especies de aves acuáticas, como o merlo de río, o pimpín… e algunha que outra garza voando.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Té con historias 062.jpg Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Té con historias 063.jpg

MAGOSTO POPULAR. Na Fundación tiñamos prevista para este día a conmemoración dun Magosto, onde se xuntaron moitas xentes procedentes tanto da vecindade como doutros lugares máis alonxados de nós. O público asistente a este evento, recuperación de vellas tradicións, puido degustar castañas asadas e chulas de cabaza.

santa compaña.jpg santa compaña s1.jpg

O grupo de teatro Fas-que-fas levou a cabo unha lectura de textos de Fernández Flórez relacionados coa Noite das ánimas e as ánimas, por sentirse convocadas ou por non perder as castañas, tamén circularon pola fraga nesta noite sorprendentemente despexada. Mais para que ningún mal trasgo puidera ficar perturbando a noite, tamén se conxurou un pouco de augardente que baixou polas gorxas con etéreo fluir.

GALERÍA DE IMAXES

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 076.jpg Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 073.jpg

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 102.jpg

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 159.jpgCopia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 074.jpg

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Magosto 114.jpg Conxuro.jpg

TÉ CON HISTORIAS

O fin de semana rematou na tarde do domingo cunha tertulia dentro do ciclo Té con historias. Lembremos que estas tertulias teñen lugar cada primeiro domingo de mes. Neste caso falouse de Wenceslao Fernández Flórez e o galeguismo.

Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Té con historias 109.jpg Copia de Xornadas Medio Amb Lit 4-5 nov 06 FWFF Té con historias 111.jpg

Esta sesión foi guiada polo director da Fundación, Don Antonio Montero, e nela tratáronse diversos aspectos descoñecidos de Fernández Flórez en relación co mundo do galeguismo. Así, por exemplo, falouse da súa relación coa Liga de Amigos del Campo, ubicada na Coruña e adicada a recuperar e pór en valor xoias do noso patrimonio histórico, como é o caso do Mosteiro de Sobrado dos Monxes ou a Espenuca, e da que formaban parte outras grandes figuras que pasan desapercibidas no panorama histórico de Galicia, como é o caso de Ángel del Castillo. Falouse da súa relación coa Real Academia Galega, coa revista Nós, co diario betanceiro La Defensa, dirixido polo propio WFF no ano 1906 e escrito para a defensa dos intereses do agricultor fronte a tiránica e opresora man do cacique; falouse das súas colaboracións co diario A Nosa Terra, onde ten escrito artigos de forte corte nacionalista… En resumo, esta tarde deixouse ver a idea de que Fernández Flórez é, increiblemente, un grande descoñecido que, xunto con outros amigos que padeceron tamén a grande desgracia de caer nun anubado pozo de esquecemento, non deixou nunca de vivir e de sentir Galicia. E podemos engadir que a actualidade, que a realidade, están necesitadas realmente de escoitar as súas palabras e de analizar as súas ideas.


Páxina seguinte »

Xestionado con WordPress