Os Cantares de Reis
Este sábado, continuando cos actos adicados ao tempo de Nadal, cantamos os Reis na FWFF.
Para isto contamos coa presencia dun grupo de cantores veciños de Cecebre, de Cambre, da Coruña e de Culleredo que, dirixidos por Raúl Galego durante os meses previos, adicou unha parte do seu tempo ao ensaio das pezas que a tradición oral mantén na memoria dos máis vellos e que, deste xeito e tal e como falaban tamén na FWFF non hai moitos días Mini e Mero, poden perpetuarse no tempo evitando a súa desaparación.
Lembremos que tamén Fernández Flórez, na súa obra Volvoreta (como xa vimos no artigo anterior adicado aos Cantares de Reis) narraba a chegada dos músicos á casa dos Abelenda, familia protagonista da novela. Víamos tamén como esta presencia lle servía para amosar a diferente visión que destas datas tiñan os máis ricos fronte á penuria dos labregos.
————————
Pasaba algo das sete do serán cando se escoitou soar a música que, abrindo camiño cara a primeira casa, anunciaba o comezo do acto. A esta comitiva musical uníuse ben pronto o público asistente e, xa todos xuntos, fóronse achegando ás portas que, gardadoras de aguinaldos e de espectantes ouvintes (pertencentes ao grupo de teatro Fas-que-fas), agardaban unha man que batese na súa horizontal superficie. Así, na primeira das casas onde chamaron foron recibidos con ledicia, igual aconteceu nas dúas seguintes.
Alí, o coro e os músicos recibiron, a cambio da súas pezas, unha ofrenda que, na tradición, é signo de agradecemento á natureza pola boa colleita ou pola produtiva matanza: chourizos, queixo ou froitos da tempada eran dons frecuentes nos tempos en que no noso país a vida labrega era a protagonista do día a día e en que o contacto entre o home e a terra tiña unha maior simboloxía. Na terceira das portas mantívose unha animada conversa coa dona da casa, quen se encargou de ir avisar ao cura-párroco para que acollese os cantares, aínda que, se ben os cantos de reis non estaban exactamente canonizados pola Igrexa, tamén é certo que non necesariamente se negaba algún párroco a recibilos. Seguíu a marcha o grupo, indo bater nunha cuarta porta onde a luz acesa, ao escoitar a chamada, rapidamente se apagou. Sen dúbida era esta unha morada onde os cantos non eran ben recibidos, o que deu pé a que os músicos lles tocasen unha peza axeitada ao arisco temperamento dos seus habitantes.
Xa, por último, a derradeira visita fíxose á casa grande, onde estaba o señor Cura e onde, a cambio das cancións e dos bailes recibiron unha botella de augardente de guindas e outra de bo viño do país.
Foi aquí onde rematou a primeira parte deste evento, o momento en que, en nome de Manuel Vázquez, grande amigo da Fundación desde hai varios anos, fíxose entrega a María José Barral e Carmen Couto de dúas delicadas árbores co gallo do seu debut como integrantes do grupo de canto ante un público que disfrutou plenamente desta amena velada. Agradecendo aos convidados e a os participantes do acto a súa presencia en nome do director da Fundación, Antonio Montero, quen non puido asistir a este evento, pasouse a continuación ao ambigú onde, en animada tertulia, foi servido, aínda que a tarde non se presentou fría, un chocolate quente para os nenos e tamén para os maiores.


















































