Tarde de música na FWFF
Tardes de lecer na Fundación W. Fernández Flórez

A Fundación W. Fernández Flórez, entre as múltiples actividades que compoñen o programa Tardes de lecer na FWFF, ven adicando desde hai uns anos unha especial atención ao mundo da música nas súas máis diversas manifestacións. Así, debemos lembrar os ciclos adicados á música clásica, levados a cabo coa colaboración de Xosé Luis Represas, as diversas actuacións que diversas corais do noso entorno teñen levado a cabo nos xardíns de Villa Florentina así como a atención prestada á música da nosa terra e á súa relación coas músicas portuguesas, lembranzas do fado ou a recuperación de antigas tradicións como a dos Cantares de Reis. Mais o noso país posúe unha riqueza musical que vai máis aló dos máis recoñecidos nomes saídos á venta nas casas discográficas actuais e que se remonta xa a épocas antergas, aos tempos aqueles en que Galicia foi un reinado e os grandes asuntos do estado se debatían entre as sacras pedras da Catedral de Santiago. Supón un privilexio hoxe en día poder escoitar esa música que conforma os cancionerios medievais, unha música que é nosa e que, en grande medida, é descoñecida para unha grande parte da poboación. Cómpre lembrar que non foi ata fins do século XIX que os Cancioneiros medievais foron coñecidos para os nosos intelectuais. Boa prova diso son os traballos efectuados por Murguía e despois polos seus continuadores, así como o interés amosado por Fernández Flórez.
En días pasados contamos coa presenza aquí de Mini e Mero, grandes intérpretes e recopiladores de cantigas tradicionais. O pasado sábado, día 27, estivo con nós en Villa Florentina o músico e cantante Miro Casabella, veciño de Lema (Cambre), quen, ante un nutrido auditorio deu un recital musical presidido pola defensa e reivindicación da lingua e da cultura galegas. Entre o público asistente puidemos outros persoeiros de recoñecido prestixio no mundo musical do noso país, como Xosé Quintas Canella e Raúl Galego, e tamén estiveron presentes Xabier Iglésias, Concelleiro de Cultura do Concello de Cambre, o administrador da Fundación, César Rodríguez, e o director, Antonio Montero, encargado de recibir os nosos convidados e levar a cabo a presentación do acto, sen descoidar que neste momento estanse a conmemorar, precisamente, os 40 anos da Nova Canción Galega.
Lembremos que Miro Casabella reflicte na súa obra a realidade social galega, tomando parte nos seus inicios no grupo Voces Ceibes, na agrupación DOA, onde colaboraría con xente como Francisco Luengo, Michel Canadá, Enrique Ferreira, Bernardo Martínez e Xoan Piñón. Nesta formación, xurdida na Coruña, que contaba no seu repertorio con cantigas medievais e pezas populares galegas, para alén de tocar a zamfona e de ser voz do grupo tamén tocaba a cítola. Pasaría despois a desenvolver a súa carreira artística de xeito independente, acadando importantes éxitos. Aínda que non se adica de xeito profesional á música, actualmente é unha das máis relevantes voces da chamada Nova Canción Galega e entre as súas composicións musicais conta con temas onde aparecen reflectidas as voces dalgúns dos máis destacados poetas da nosa terra. Tal é o caso de Celso Emilio, García-Bodaño, Uxío Novoneira ou Rosalía. Moitas destas pezas están incluídas nunha das súas recentes producións discográficas: Orvallo (Picap, 2004).
A actuación sabatina, que destacou polo seu carácter didáctico, comezou co tema “O meu país”, grabada no ano 1977, cuxa especial simboloxía recalcou o intérprete. Esta peza é unha defensa da nosa historia, da nosa cultura e, en definitiva, da nosa esencia, e ten como base a letra do poema do mesmo título de Xoán Manuel Casado, Galicia, alento e desalento e, como tamén dicía o poeta Díaz Castro baixo o mito de Penélope, a Galicia que tece e destece. Así, nesta tarde, o eixo fundamental sobre o que virou a roda do tempo foi precisamente este, xunto coa denuncia da emigración (feito que tamén na súa hora denunciara Fernández Flórez a través de diversos artigos publicados no xornal brigantino La Defensa). Nesa liña estiveron as seguintes pezas, sobre versos de Manuel María, o poeta da Terra Cha (nunha das cales intervíu Mónica, a muller de Miro Casabella) ou mesmo de Federico García Lorca. E, deixando a un lado a guitarra para coller a zamfoña, puidemos escoitar cantigas de Alfonso X, o Sabio ou dos troveiros Martín Soárez e Afonso Sáchez (fillo do rei D. Dinís de Portugal).
Para remate desta enriquecedora xornada, Xabier Iglésias foi o encargado de entregar un agasallo ao señor Casabella en nome da Fundación, para pasar acto seguido á sala de exposicións onde se preparou un ambigú para que tanto o músico como o respetable público presente puidesen tertuliar calmosamente.
Non queremos rematar este artigo sen lembrar que o vindeiro sábado estará con nós Sabela Bernárdez para presentar o seu poemario A virtude e outras miserias e que, na tarde do domingo, terá lugar a tertulia Té con historias adicada neste caso á figura de Manuel María Puga y Parga, Picadillo.
































