
Amigos, veciños, concidadáns compañeiros!! Irmáns!!
Estamos hoxe aquí congregados porque fomos chamados por unha causa común que nos une: a noticia da chegada do Tren de Alta Velocidade a Cambre, Culleredo, Bergondo, no seu tramo Betanzos ~ A Coruña supón un atentado (non un accidente!) de dobre vertente:
- en primeiro lugar, atenta contra a propiedade particular de moitos de vós que estades hoxe aquí;
- en segundo lugar, atenta contra o patrimonio histórico e cultural da nosa vila e das vilas limítrofes.
O porqué e o paraqué deste atentado podemos intuílo todos. Ou senón, pensade, cantos petos non se encherán con esta acción? Hum… Cantos dicides vós?
Mais vaiamos buscar unha soa, tan só UNHA RAZÓN LÓXICA, e digo LÓXICA, sobre a que poida sustentarse este proxecto, esta idea!! Vedes vós algunha? Dicide: vedes vós algunha?? E digo razón lóxica porque ilóxicas e sin sentido achámolas a moreas, a feixes, a paxes!!
Dicide vós, vós!, que sodes a VOZ DO POBO: Énos necesario un Tren de Alta Velocidade que cando alcanze a velocidade máxima xa terá que comezar a frear? É NECESARIO?? NON….
É necesario incrementar e potenciar o uso dun tren de cercanías que favoreza unha mellor comunicación entre os concellos da nosa metrópole co COMPROMISO de nós de darlle uso? SÍ. EU DIGO QUE SI!
Se non nos ofrecen o servicio, lóxico é que non o usemos. Pero se nós o demandamos xunto cuns horarios cabais, uns servizos razoables a prezos razoables, entón a nosa comunicación mellorará e o noso estado anímico tamén!
Á marxe da cousa política, agora a voz que se ten que escoitar é a nosa. A nosa!! E que a nosa voz esté por riba de todo porque para iso somos os que votamos e, sobre todo, para iso somos os que pagamos os tributos: nós, eu e vós, somos so que pagamos para ben… ou para mal! E aquí está o noso alcalde e a súa corporación, elexidos por nós para velar polos nosos intereses comúns, aos que non son alleos. Eles, máis que ninguén, poden agora, co noso apoio, librarnos desta AVEfría que se nos ven enriba!!
E agora, pola parte que nos toca, en nome da FWFF, do seu patronato e de Antonio Montero, o seu Director, do Sr. Administrador, César Rodríguez, e como integrantes do grupo de teatro Fas-que-fas e membros da FWFF, queremos lervos un texto de Wenceslao Fernández Flórez, o escritor que desde o diario La Defensa, de Betanzos, aló polo ano de gracia de 1905, loitou ferozmente contra o caciquismo nos movementos de loita agraria; escritor que, entre outras cousas, denunciou a especulación inmobiliraria tan de actualidade nos tempos que corren, desgraciadamente. Mais hoxe non vos imos ler un artigo incendiario, non. Hoxe ímosvos ler, en primeiro lugar, un texto de amor á terra que fala de San Salvador de Cecebre, si, pero que ben puidera referirse a calquera outro lugar, ás vosas parroquias e ás vosas almas porque a vida é unha para todos, diferentes no circunstacial pero iguais na esencia e ante a morte.
“Estancia I. A FRAGA DE CECEBRE.
A fraga é un tapiz de vida apretado contra as enrugas da terra; nas súas covas fóndese, nos seus outeiros elévase, e nas súas chairas iguálase. É toda vida: unha legua, dúas leguas de vida entretecida, cardada, sen buracos, coma unha manta forte e nova, de tanto grosor coma o que se pode medir desde o fondo do tobo da raposa ata o bico do piñeiro máis alto. Señor, se non vedes máis que vida arredor! Onde fixades a vosa mirada albiscades pólas estremecidas, toros rexos, louzanía; onde fixades o voso pé dobrades herbas que despois procuran reincorporarse co apoucado esforzo doloroso de homiños eslombados; onde levedes a vosa presencia haberá un sobresalto máis ou menos perceptible de seres que foxen entre a ramallada, de alimañas que se refuxian na toxeira, de insectos que se deslizan entre os vosos zapatos, coa présa de todas as súas patiñas entorpecidas polos atrancos daquela selva virxe que para eles representan as carrizas, as silvas, as uces, os fentos. O corazón da terra sente sobre si esta fervedura e este abeiro, e alédase.”
W. FERNÁNDEZ FLÓREZ
O Bosque Animado
E para que quede constancia da relevancia literaria deste lugar, velaí vai un poema de Eduardo Pondal, o bardo galego por excelencia,e autor do noso Himno Galego.
“Teño unhas doces suidades
que m’están magoando sempre,
pois p’ronde queira qu’eu vaia,
por Andeiro ou por Paderne,
por Mabegondo ou por Mandaio,
por Tabeaio ou por Quembre,
con suspiros saüdosos
meu corazón esmorece
cando me ven á memoria
a vizosa, pracibre Cecebre.
Certo, é boa terra a d’Orto,
é boa terra a de Crendes;
mas, con todo, cando paso
p’los seus beirales pracentes,
un non sei que, que m’é triste,
un non sei que, que m’é alegre,
sinto aló no corazón,
que de suidades fallece,
cando me ven á memoria
a vizosa, pracibre Cecebre.
Éme doce o son dos seus pinos
cando paso preto deles,
antr’Anceis e Sarandóns,
cando o luceiro s’encende;
tamén m’é doce escuitar,
baixando p’la costa d’Herves,
o ledo río de Sumio,
Que se queixa brandamente.
Mas n’hai no mundo unhas augas
tan falangueiras, correntes,
nin fungar coma o dos pinos
da vizosa, pracibre Cecebre.”
E. PONDAL

Con estas palabras inicíabase esta mañá ás doce, no emblemático Campo da Feira de Cambre, a manifestación que co lema NON AO TRAZADO DO AVE, TREN DE CERCANÍAS XA, organizou o Concello de Cambre en colaboración coas distintas asociacións de veciños do concello, os afectados pola dramática obra e a Fundación W. Fernández Flórez quen ve perigar día a día a integridade da Fraga de Cecebre que inmortalizou Fernández Flórez varios anos despois de que E. Pondal compuxese uns versos adicados a tan acolledora parroquia. En representación da Fundación participaron neste acto reivindicativo os seus directivos, Antonio Montero, director, e César Rodríguez, administrador, así como o persoal técnico, Teresa Moris, Inés García e Alicia Longueira, co respaldo de amigos, colaboradores e compoñentes do grupo de teatro Fas-que-fas.

Riba do palco presidencial, ante unha congregación que rondaba as 1.000 almas, xuntáronse os dous líderes políticos dos concellos de Cambre e Bergondo , D. Antonio Varela Saavedra e D. José Fernández Ramos, respectivamente. Mais non estiveron sós, senón que foron respaldados por membros das súas corporacións. Pola banda de Bergondo, subiron á palestra D. Jaime Ríos, do PP, D. Juan Paradela, do BNG e Dna. Alejandra Pérez, representante do PSOE. Pola parte de Cambre, foron D. Andrés Arcai, do PSOE, D. Xabier Iglésias, do BNG, e D. José Antonio Baamonde, membro do PP. Tamén se solidarizaron con esta causa dicindo unhas palabras D. José Antonio Folgueira, Presidente da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e da Área Metropolitana e Julián Hernández, líder do grupo musical Siniestro Total e veciño de Cambre. Non quixeron deixar de estar presentes Dna. Margarita Vázquez, Deputada Provincial e concelleira do concello da Coruña, e do mesmo concello, D. Carlos González Garcés. Precisamente, esta dupla preocupación solidaria pola Fraga de Cecebre foi moi agradecida pola FWFF.

Así as cousas, o acto foi iniciado polo son da gaita da man do recoñecido gaiteiro Raúl Galego, quen, valerosamente, coas notas da súa música foi atraendo ao persoal citado no Campo da Feira ata o palco presidencial. Numerosas pancartas daban boa conta da súa disconformidade co actual trazado do Tren de Alta Velocidade que, tal e como algúns esperan, de ser executado o proxecto, atravesaría polos concellos de Bergondo, Cambre e Culleredo, entre outros, acabando literalmente no seu camiño coa Fraga de Cecebre, con casas recentemente habitadas e con outros lugares de especial relevancia histórica e cultural.

Así as cousas, Alicia Longueira, en nome da FWFF e como conductora deste evento, abríu a sesión coa lectura do texto arriba escrito, para ir dando paso ás seguintes intervencións da mañá. Por parte da Fundación procedeuse á lectura dun extracto do Bosque Animado, de especial simbolismo para este caso. A continuación tomou a palabra Julián Hernández e a seguir, o señor Folgueira Madarro, quen manifestou o seu total apoio a esta causa, o señor Fernández Ramos en representación do concello de Bergondo e, finalmente, para peche do acto, o alcalde de Cambre, señor Varela Saavedra.
En conclusión, debemos sinalar que é nestas circunstancias onde a unión entre as xentes debe manifestarse de xeito notable, por riba de diferencias políticas. O feito de que, sendo esta unha chamada feita polos membros da corporación municipal, na pancarta anunciadora non aparecese ningunha das siglas dos partidos, dá unha idea do carácter e da sensibilidade con que esta manifestación foi convocada: a unión cidadá. A política ten outros espazos reservados e cómpre saber cando se está en cada un: agora é o momento de loitar cos veciños, e a unión entre estes é a que será capaz de aportar a forza necesaria para poder obter resultados positivos nesta azaña que agora se emprende.
Por último, debemos sinalar que, xa ao remate deste evento, aínda houbo tempo para facer unha chamada a todos os veciños, xa que foi creada unha plataforma de afectados de recente creación que ela mesma se dará a coñecer en breve ante a poboación afectada.