Fundación Wenceslao Fernández Flórez

28 Marzo 2007

Ilustradores e Xornalistas na FWFF

Arquivado en: Eventos — magago @ 12:10 pm

TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN W. FERNÁNDEZ FLÓREZ 

 fachada pr1.jpg

O vindeiro fin de semana Villa Florentina vaise converter nun auténtico fervedoiro de xente, pois van ter lugar dous actos de especial relevancia: dunha banda, o sábado día 31 de Marzo, a APCAsociación da Prensa da Coruña, en colaboración coa FWFF, vai celebrar nos xardíns de Villa Florentina un xantar de confraternidade ao que asistirán 150 xornalistas de toda España, integrantes da FAPE, Federación de Asociacións da Prensa de España. Con esta reunión a FAPE clausura a Asamblea que os concitou na cidade herculina. Tanto o Presidente da FAPE, Sr. González Urbaneja, como o Presidente da APCManuel González, xunto co resto dos xornalistas, serán recibidos no Apeadeiro de Cecebre polo Presidente en funcións da FWFF, Antonio Montero Carro e demais membros da Fundación, así como polo Concelleiro de Cultura do Concello de Cambre, Xabier Iglésias. Tamén acudirán a esta cita ilustres autoridades locais e autonómicas, como o Sr. Touriño, o Sr. Méndez Romeu, o Secretario Xeral de Comunicación, Sr. Salgado. Acompañados por un grupo de gaiteiros conducido pola man de Raul Galego dirixiranse a Villa Florentina dando un paseo ao máis puro estilo wenceslaoniano.

Este é un recoñecemento que o xornalismo nacional lle fai tanto á FWFF como ao escritor e que honra a esta institución duplamente. Lembremos que en xuño do ano 2005 membros da APC e da Asociación da Prensa de Cádiz visitaron a sede da Fundación e que no mes de setembro dese mesmo ano a Federación de Asociacións de Prensa de España celebrou unha xuntanza na sede da Fundación semellante á que vai ter lugar este fin de semana.

SET 05 FWFF.jpg 

Imaxe pertencente á visita do ano 2005, onde vemos, nunha foto de grupo de conxunto, ao presidente en funcións e anfitrión da FWFF, Antonio Montero, a Conselleira Ánxela Bugallo, o concelleiro de cultura de Cambre, Xabier Iglesias, o presidente da FAPE, Sr. González Urbaneja e o parlamentario Pablo González Mariñas.

Doutra banda, 25 ilustradores galegos rinden unha Homenaxe de Ilustración a Wenceslao Fernández Flórez nunhas xornadas que comezan o sábado 31 pola mañá cun taller de campo, e que rematarán o domingo día 1 de Abril pola tarde cun novo recital poético musical da Caricia da Serpe. Todos eles serán recibidos en Villa Florentina polo Presidente en funcións, Antonio Montero Carro, así como polo Diputado Provincial, Celestino Poza e o concelleiro de Cultura do municipio cambrés, Xabier Iglésias.

corredoira 2.JPG

Así, ás SETE E MEDIA do serán sabatino terá lugar unha mesa redonda onde os ilustradores departirán sobre o traballo realizado durante o día na Fraga de Cecebre, a mesma que lles servirá de fonte de inspiración e creación para ilustrar o Bosque Animado que Fernández Flórez retratou na súa novela.

O domingo 1, ás doce da mañá, terá lugar un novo taller de campo. Esta sesión estará aberta a todo o público que queira achegarse a observar o proceso creativo dos autores, entre os que se contan Andrés Meixide, Ánxeles Ferrer, Calros Silvar, David Pintor, Federico Fernández, Fran Bueno, Jaime Asensi, Javi Montes, Blanca Barrio, Manel Cráneo, Manolo Uhía, Miguel Porto, Noemí López, Óscar Villán, Siro López, Suso Cubeiro, Xan L. Domínguez, Xosé Cobas, Xulia Barros, David Rubín, Alicia Suárez, Enma Ríos e Luís Sendón.

Para clausurar estas xornadas, por volta das 18:00h, terá lugar un recital poético musical da Caricia da Serpe, agrupación que estivo con nós non hai moitos días e que voltan a Villa Florentina co grato sabor de boca deixado pola última cita.

Estas xornadas están organizadas polo Concello de Cambre e AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) en colaboración coa Deputación da Coruña e a Fundación W. Fernández Flórez.

 

27 Marzo 2007

Tardes de lecer na FWFF. Abril.

Arquivado en: Programa TARDES DE LECER NA FWFF — magago @ 1:06 am
TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ 
“Precísanse dous anos para aprender a falar e sesenta para aprender a calar”.
Ernest Hemingway (1896-1961) Escritor estadounidense.
Rincón do pozo.jpg
Domingo, día 1: Por volta das 12:30 da mañá terá lugar un Taller de Campo na Fraga de Cecebre, de portas abertas, onde intervirán diversos ilustradores galegos. A tertulia dominical Té con historias vese aprazada por unha nova actuación da Caricia da Serpe, ás 18:00h, co gallo da Homenaxe de Ilustración a Wenceslao Fernández Flórez organizada por AGPI co Concello de Cambre en colaboración coa Deputación da Coruña e a Fundación W. Fernández Flórez. Con esta actuación clausúranse estas xornadas de ilustración no Bosque Animado.
Sábado, día 7: Lectura dramatizada de textos da obra La casa de Lúculo, do escritor Xulio Camba (1882 –1962). Será a cargo dos integrantes de grupo de teatro Fas-que-fas.
Sábado, día 14: Día adicado aos máis pequenos da casa coa lectura dramatizada de CONTOS INFANTÍS. Será a cargo dos integrantes do grupo de teatro Fas-que-fas, por volta das sete do serán.
Sábado, día 21: Conmemorando o Día Internacional da Loita Campesiña terá lugar unha charla sobre “A defensa do campesiño na obra de W. Fernández Flórez” conducida polo director da Fundación, Antonio Montero.
Sábado, día 28: Lectura dramatizada de textos de W. Fernández Flórez da novela Relato inmoral. A cargo dos integrantes do grupo de teatro Fas-que-fas.
Todas estas actividades terán lugar por volta das SETE do serán, agás a TERTULIA que será ás CINCO da tarde.  A entrada é libre.

Villa Florentina, casa de investigadores…

Arquivado en: Eventos — magago @ 12:38 am

A Fundación W. Fernández Flórez pretende ser un importante centro de investigación para todos aqueles estudantes e investigadores que teñan entre os seus obxectivos levar a cabo traballos relacionados coa figura do escritor, xornalista, tradutor, guionista… coruñés.

Con este motivo, a mañá do día 26 de marzo visitou Villa Florentina Gabriella Ferrarini, estudante da Universidade de Roma La Sapienza, acompañada do seu irmán Fabio.

Copia de Visita G- Ferrarini FWFF 26 mz 07 013.jpg

Gabriella está a preparar neste momento a súa segunda licenciatura, adicada á figura de Fernández Flórez, e por esta razón quixo aproveitar a súa viaxe a Galicia para coñecer a Fundación e poder achegarse así á documentación que esta puidese aportar para favorecer a realización do seu traballo, dirixido desde Italia pola profesora María Luisa Cerrón Puga. Entre outras cuestións, Gabriella recalcou o descoñecemento existente no seu país sobre a figura de Wenceslao Fernández Flórez, habida conta de que non é doado atopar edicións actuais de moitas das súas obras, así como traballos de crítica.

Desde a FWFF desexámoslle un grande éxito na realización do seu labor!

Tardes de lecer na FWFF no mes de Abril…  –>  Tardes de lecer ABRIL1.ppt

24 Marzo 2007

DÍA INTERNACIONAL DA ÁRBORE E DA POESÍA

Arquivado en: Eventos — magago @ 1:43 am

TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN W. FERNÁNDEZ FLÓREZ

Conmemoración do

Día Internacional da Árbore e da Poesía

a fraga de cecebre foto blanco.jpg

A Fraga de Cecebre. Imaxe pertencente ao arquivo Foto Blanco.

Tal e como estaba previsto, o sábado día 24, quixemos recibir na FWFF a chegada da primavera con música e poesía nun dos espazos máis axeitados para tal evento. Estamos a referirnos á Fraga de Cecebre que, con grande sensibilidade poética, describíu Fernández Flórez no seu Bosque Animado.

A fraga de Cecebre 24 MAR 07 FWFF.jpg

Como ben dicíamos, a chegada da primavera incítamos a exprexar a ledicia que provoca ese intenso momento de eclosión de luz e cor que representa a renovada vida desta trascendente estación, provocando unha radical transformación na paixase, novamente reverdecida, e tamén nos espíritos de todos nós, que non poden quedar impasibles ante este evento. Por iso, con sangue anovado e sensibilidade primaveral, quixemos conmemorar o Día Internacional da Árbore e da Poesía cun recital poético e musical nun espazo que a Natureza dispuxo na fraga co bo sentido estético e acústico que só tal entidade pode aplicar.

Debemos recoñecelo: as primeiras comunicacións da mañá estabelecidas entre os membros da Fundación denotaban acordes de inquedanza por mor dunhas nubes grises que sobrevoaban o noso entorno… Mirabamos para o chan e viamos todo seco, mais mirabamos para o ceo… e viamos todo mollado… Lonxe de sentírmonos amilanados por tal circunstancia, confiamos os nosos votos á providencia, e fomos andando a mañá, que entre unhas cousas e outras nos levou á unha post meridiam con tempo estable e sen gotas. Tivo lugar neste acolledor ambiente a recepción de convidados en Villa Florentina.

Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 024.jpg

Foron chegando por orde Don Avelino Pousa Antelo, Vicepresidente da FWFF, e Don Xoán Xosé Fernández Abella, poeta homenaxeado neste día. Ambos os dous foron traídos polo director da Fundación, Antonio Montero. Fixeron un primeiro alto na Fraga, para confirmar a bondade e as condicións do terreo minutos antes do recital. A continuación foron chegando Raúl Galego, gaiteiro, amigo e colaborador da Fundación, Xabier Iglesias, concelleiro de Cultura do municipio cambrés, Mini e Mero, membros do grupo A Quenlla e grandes recopiladores de cantigas populares. Reunidos todos eles con outros amigos e colaboradores da Fundación, botamos xuntos a andar cara a fraga, con música de gaita marcando a marcha e atraendo a atención dos veciños que, ao noso paso, se asomaban ás xanelas a mirar, sinceramente curiosos. Aínda captamos a algún que outro camiñante que, a pesar de vir en sentido contrario, mudou o seu rumbo para unirse a nós.

E chegamos así ao punto marcado para levar a cabo o duplo recital. Falou en primeiro lugar Antonio Montero, quen recalcou a importancia que ten potenciar a defensa da Fraga de Cecebre reivindicando un espazo natural protexido cun grande valor patrimonial e cultural que agora se ve ameazado pola chegada do Tren de Alta Velocidade. Fixo unha nóstalxica e fermosa lembranza do tempo da fraga na nenez, un lugar máxico, pero tamén amedrentador para un rapaz que, perdido na súa inmensidade cando aínda non asomaban os raios do sol entre a espesura da follaxe, tiña que baixar das terras altas da freguesía, atravesando o bosque, para subir ao tren das leiteiras na estación da Apeadeiro, tal e como reflicte Wenceslao na súa obra. Deu paso a continuación a Raul Galego antes da intervención do grupo de teatro Fas-que-fas, quen, representado por Inés García, Inma Mantiñán e Alicia Longueira, despois dun accidentado intento por acceder á parte alta do monte por unha aba e logo pola outra, fixo unha breve lectura dun fragmento d’O Bosque Animado. Interviñeron acto seguido Mini e Mero, quenes nos cantaron un Cantar de Cego acompañados polo son da zamfoña. 

Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 053.jpg   Cantares de cego.JPG

E así, chegamos a un outro emotivo momento desta cita: a intervención do poeta Xoán Xosé F. Abella, que leu un soneto para a defensa da fraga de Cecebre que pasamos a transcribir a continuación:

SONETO DE AMOR E DEFENSA DA FRAGA DE CECEBRE, FRONTE Ó AVE MAL ENCARREIRADO

Xoia inmortal, ou! Fraga de Cecebre,

-chamouche Wenceslao bosque animado-

tesme por sempre o corazón gañado

por galega, tan nosa, tan enxebre.

Permíteme que hoxe te celebre

ó ve-lo teu futuro ameazado

por un progreso mal encamiñado

que na técnica ten cegueira e febre.

Non consentir podémo-la ferida

que causaría á nosa nai Galiza

a tristura de véreste partida.

Mais… creo no Dereito, e nesta liza

agardo para ti, fraga querida,

o triunfo da Beleza e da Xustiza.

Os Tilos, 23/marzo/2007

Xoán Xosé Fernández Abella

Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 063.jpg

E servíu este magnífico soneto de amor e loita pola fraga de Cecebre dar paso á intervención do concelleiro de Cultura, Xabier Iglésias, quen pechou esta primeira parte do evento cunhas palabras en defensa da nosa fraga.

E así, despois dun suculento xantar propiamente galego, cociñado por Tareixa Moris, preparámonos para a segunda parte deste simbólico evento: a homenaxe que os amigos lle deron ao poeta Fernández Abella. Chegaron para a sesión da tarde o xornalista Xulio Xiz e Alfonso Blanco Torrado, Presidente da Fundación Manuel María da Terra Cha. Estivo tamén presente o administrador da Fundación, César Rodríguez. Non puido asistir a este evento, como estaba previsto inicialmente, David Otero por cuestións de forza maior. O momento máis emotivo desta tarde tivo lugar cando don Avelino Pousa Antelo, despois dunhas palabras de agradecemento, fixo entrega a Fernández Abella dunha figura que representa un dos moitos carballos da Fraga en lembranza deste día e como homenaxe ao seu labor, limpo, sincero e transparente.

Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 098.jpg  

Así, comezou a presentación do poemario Poemas estradenses e catorce poemas máis, da autoría de Xoán Xosé Fernández Abella, prologado por Baldomero Iglesias Dobarrio. Neste libro aparecen poemas de homenaxe a grandes figuras da cultura galega, tamén poemas de loubanza da terra, da nai, dos amigos, que foron recitados polo seu autor con grande fervor e coñecemento de causa. Para alén diso, este recital tamén estivo acompañado pola música sutil, de notas sublimes, que os nosos convidados interpretaron neste día tan significativo.

Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 092.jpg  Recital musical.JPG  Copia de Fdez- Abella 24 MARZO 07 FWFF 118.jpg

E para rematar esta intensa e prolífica xornada á que acompañou xa nas últimas horas do día un frío propio porque, como di o noso refraneiro, “en maio aínda a vella queima o tallo” (e aínda estamos en marzo!) tomamos un cachiño de biscoito con café quente na sala de exposicións, onde estaba preparado o ambigú a tal efecto.

 

20 Marzo 2007

A FWFF e a Seguridade Vial

Arquivado en: Eventos — magago @ 3:49 pm

PINOCHA SAE A PASEAR

Entre as actividades organizadas pola Policía Local de Cambre para inculcar bos hábitos aos máis pequenos, contaron coa colaboración da Fundación Wendeslao Fernández Flórez que, a través do seu grupo de teatro Fas-que-fas, levou a cabo unha actuación para os nenos dos colexios do municipio. A obra Pinocha sae a pasear narra as aventuras dunha nena que comeza a dar os seus primeiros pedaleos polas rúas da vila. Mais andar pola rúa, ten os seus riscos e cómpre saber respetar as normas de Seguridade Vial!!

Velaí algunhas imaxes da representación, que tivo lugar na mañá do martes, ás 11 ante meridiam.

Copia de Pinocha 20 marzo 07 FWFF 003.jpg   Copia de Pinocha 20 marzo 07 FWFF 005.jpg  

Pinocha, Pepiño Garda e o malvado Corvo Perigo!

Copia de Pinocha 20 marzo 07 FWFF 008.jpg

Os integrantes do grupo de teatro Fas-que-fas, Inés García, Óscar V. Sánchez e Roberto Gómez, baixo a dirección de A. Longueira, representaron Pinocha sae a pasear.

Copia de Pinocha 20 marzo 07 FWFF 014.jpg

Velaí o numeroso público infantil que acudíu á esta teatral cita matutina ao Centro Sociocultural do Graxal.

19 Marzo 2007

A Caricia da Serpe

Arquivado en: Eventos — magago @ 1:01 am

TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN W. FERNÁNDEZ FLÓREZ

clip_image002.jpg

O pasado sábado, día 17, tivo lugar en Villa Florentina a presentación dun traballo singular. A CARICIA DA SERPE presentou o seu disco homónimo, unha mistura de música, poesía, teatro… e, nas súas propias palabras, narracións musicadas que animan conciencias.

A Caricia da Serpe 17mz07 FWFF 002.jpg     A Caricia da Serpe 17mz07 FWFF 021.jpg

Este disco, conducido pola voz de Lino Braxe conta tamén con Miguel Ladrón de Guevara (guitarra), Xosé Luis Saques (percusión) e Rómulo Sanjurjo (acordeón). Este cuarteto, tal e como eles o definen, é unha formación multidisciplinar que mistura de xeito creativo música, literatura sonora, concerto poético, humor… cun sentido radiofónico e teatral que trata de achegar a poesía ao público sen renunciar, por iso, ao refinado gusto musical pola diversidade, mistúrandose rumba, tango, rock e rock and roll. O disco presentado na FWFF está producido por Wonderland Discos.

Copia de A Caricia da Serpe 17mz07 FWFF 015.jpg

Un grande número de espectadores participou neste evento organizado polo Concello de Cambre en colaboración coa FWFF. Así, en representación do concello asistiron Xabier Iglésias, Sindi Becerra e Pilar Paz, concelleiros e técnico, respectivamente, para alén do administrador da Fundación, César Rodríguez. A peculiar mistura creativa presentada pola Caricia da Serpe sorprendeu gratamente a un público que recompensou cun xeneroso e reiterativo aplauso a actuación dos artistas. O seu plantexamento, diferente e innovador, foi unha das características desta posta en escena máis comentada na tertulia que tivo lugar acto seguido na sala de exposicións, onde, a tal efecto, estaba preparado o ambigú.

Os nosos convidados saíron da FWFF gratamente satisfeitos por ter participado nesta experiencia, recalcando o acolledor e íntimo do noso salón de actos, un salón que, día a día, vai quedando máis pequeno para dar acollida a todos os ouvintes que sábado a sábado disfrutan dun novo xeito de facer cultura en Villa Florentina. Como remate deste evento, os integrantes da Caricia da Serpe, recibiron un agasallo en nome da Fundación e do seu director, Antonio Montero.

Se quere saber que nos depara o mes de Abril, PINCHE AQUÍ –> Tardes de lecer ABRIL.ppt

17 Marzo 2007

Y tú más! Más eres tú!

Arquivado en: Eventos — magago @ 5:46 pm

Por que é tan penoso comprobar que entre “así andaba o país” e “así anda o país” tan só hai unha diferencia no uso do tempo verbal?

 wences nos galiñeiros copia1.jpg

MÁIS ES TI 

“O discurso pronunciado onte por Cambó quedou sen resposta. Certo señor da comisión da Mensaxe fixo traballar aos taquígrafos nas copias dunha das frases concienzudamente estudadas, copiosas en lembranzas históricas, mais sen congruencia eficaz co afirmado polo leader nacionalista. Despois, o conde de Romanones veu rogar que se aprazase  o ultimátum catalanista; pedíu sosego, pedíu paciencia, requeríu un prazo máis. Isto non ven a outra cousa que a aumentar a razón de certas demandas dos nacionalistas. Agadar…! A que…? O señor Cambó xa dixo que Cataluña non pode agardar máis tempo. Mais ao señor conde de Romanones, rei da astucia, conviríalle que os catalanistas non plantexasen a cuestión ata que os conservadores fosen ao poder. Tal vez entón isto, que agora desagrada ao conde, lle servise de arma para ter máis prontamente, outra vez, o mando supremo. Así son os estadistas que se indignan contra Cambó, e os que, como Cambó, queren romper con este réxime absurdo.

Mais tampouco o señor Giner de los Ríos, no seu discurso desta tarde, estivo á altura en que os nacionalistas desenvolveron a súa tese. O señor Giner de los Ríos empequeneceu lamentablemente a cuestión. Énos simpática a figura deste velliño un pouco encorvado, cos cabelos brancos, mais vivaz, nervoso, inquedo, que ten unha cabeza que lembra a dos políticos da metade da pasada centuria. Mais o señor Giner trouxo o debutante a un punto que nada resolve. En primeiro lugar, non é un malagueño como o señor Giner o máis axeitado para falar das aspiracións de Cataluña.

Por moi respetable que sexa a representación que lle dan os seus electores de Barcelona, nesta delicadísima cuestión de ideais íntimos, de esencia de razas, algo hai recusable no diputado radical. Porén, poderíase salvar este algo se o señor Giner debatise o asunto coa elevación que lle deu o señor Cambó ao plantexalo.

E non foi así. O señor Giner acusou á Deputación de Cataluña de actos de caciquismo: falou de certos soldos fastuosos; falou de profesores expulsados por descoñecer o catalán… Todo isto pode ser que teña a súa importancia como argumento para un artigo de fondo para un xornal centralista, e ata algúns dos feitos denunciados polo señor Giner terían tamén cabida en “La voz de la calle”, de El Heraldo. Mais, con todo isto, contéstase ao dito por Cambó?… É con esta carretada de minucias, de feitos particulares, de accións que casi están á marxe da vida pública e política, co que se quere desautorizar e dar morte ás aspiracións nacionalistas?…

Oh!… Se o señor Cambó quixera descender a ese terreo, podería contar dos políticos centralistas e dos seus procedementos cousas moitísimo máis escandalosas. Destinos oficiais concedidos en favor e aínda aos cartos de Madrid? Infinitos, señor Giner!… O caciquismo centralista cometeu todas as vexacións e todos os crimes imaxinables: prevaricou, roubou, asasinou, empurrou a familias enteiras cara a emigración… O home máis funesto de España é o representante rural dun político centralista. Non coñecemos ningunha especie de monstro que o supere.

Oh!… Se o señor Cambó quixese descender a ese terreo!… Mais o señor Cambó non descenderá, porque sería empequenecer a súa misión, sería incurrir no eterno “máis es ti” dos nosos políticos clásicos.

E mentres non se digan cousas de máis enxundia, mentres a ese ideal nacionalista non se opoña un ideal nacional máis robusto, máis completo, todos os berros e todos os ademáns descompostos dos nosos parlamentarios serán dunha esterilidade rotunda e vana.”

ABC 8 de xuño de 1916

W. FERNÁNDEZ FLÓREZ

11 Marzo 2007

Os tres porquiños

Arquivado en: Eventos — magago @ 2:13 pm

Tardes de lecer na Fundación Wenceslao Fernández Flórez

OS TRES PORQUIÑOS 

Copia de 3porquiños FWFF 10mz 07 012.jpg

O pasado mes de Febreiro sairon tres porquiños da Caixa dos Contos Favoritos. Este mes o grupo de teatro Fas-que-fas escenificou unha versión libre do popular conto recollido por Joseph Jacobs, un conto clásico que desde tempos inmemoriais se ven transmitindo de xeración en xeración: referímonos a Os Tres Porquiños.

Copia de 3porquiños FWFF 10mz 07 013.jpg   Copia de 3porquiños FWFF 10mz 07 014.jpg

Imaxes do fatal momento en que o lobo intenta papar ao porquiño medoso, quen se dirixe en demanda de auxilio á casiña do seu irmán maior.

Mais esta sesión non estivo adicada só aos contos, senón que tamén tivemos tempo para xogar ás adiviñas e puidemos asisitir en primicia a un espectacular e perigoso número en que o magnífico Osgülado Román, domador de prantas carnívoras, foi quen de introducir o seu dedo polgariño nas mesmas fauces dun auténtico especimen de Tragonis tragónica, famosa planta carnívora natural da Illa Mamolouca, agora deserta. Afortunadamente, e a pesar de que a Tragonis tragónica chegou a pechar as mandíbulas, Osgüaldo non perdeu o seu dedo chupete. Todos respiramos aliviados despois de ficar cos noso corazóns sobrecollidos polo pavor, polo terror… inmersos nun delirante comezón!!

3 porquiños FWFF.jpg

A Tragonis tragónica e o domador Osgüaldo Román.

Para remate deste evento, procedeuse por parte dos nenos á votación do novo conto favorito para ser representando no vindeiro mes polo Fas-que-fas. O resultado do escrutinio, realizado a continuación da votación, deu como victoriosa a historia de Brancaneves e os sete ananos.

Copia de 3porquiños FWFF 10mz 07 023.jpg

Aquí vemos un momento da votación.

Ao final, serviuse un chocolate quentiño con biscoito nos xardíns de Villa Florentina para os nenos e tamén para os adultos.

Para saber sobre o que o mes de Marzo nos depara, PINCHE AQUÍ –> Tardes de lecerMARZO.ppt

9 Marzo 2007

Carlos Casares, un iniciador do mundo dos blogs

Arquivado en: Eventos — magago @ 1:17 am

En efecto, Marcos Valcárcel ten bastante razón ao sinalar a Carlos Casares como iniciador do mundo dos blogs. Foi Casares, si, coa súa visión diaria dos acontecementos máis sinxelos, sen meterse en profundiades de analizar a política, sen analizar a economía, ou o fenómeno globalizador no que xa estábamos metidos. Carlos miraba o mundo con olladas pequenas, mais cunha sutileza tremenda; non deixaba de amosarnos a descuberta da primeira flor da súa maceira, facíanos reparar nas andanzas do gato Samuel, metíanos no papel do neno que o saudou sen coñecelo, mais ao que, ao cruzarse con el, lle deu as boas tardes naquela aldea perdida de San Salvador de Cecebre. Pero cando un recorda o momento máxico en que o seu cerebro se paraba a pensar diante dunha cuartilla en branco e o reloxio do tempo apuraba a escena, a súa parsimonia, o seu ritual ante o computador, transformaba o que era unha xornada aparentemente intrascendente para min, nunha narración preciosa. A súa maxia, o seu saber, estaban “Á marxe”, nunca mellor dito nin máis atinado. Poñíase á marxe, pero non era marxinal.

Xa nos gustaría que os blogs tivesen a intensidade de significado, de esencia da sociedade, de eficacia e profundiade de penetración no lector que o amigo Carlos logrou.

Non sería moito pedir que os blogs tivesen un espiritu similar a ”Á Marxe”: ese si sería un gran agasallo para Casares, esa si sería unha mostra da aprendizaxe da xente nova que escribe nos blogs, moita da cal xa non coñeceu a Casares.

Tamén quixera engadir que, anteriormente, houbo dous grandes xornalistas que encetaron algo semellante ao que facía Casares, pero con máis extensión. Estamos a falar de Wenceslao Fernández Flórez, coas crónicas parlamentarias (Acotaciones de un oyente), e de Julio Camba, cando escribe Sobre casi todo ou sobre as súas viaxes a Alemania. Ambos reflectían o espiritu actual do blog, mais no formato propio do artigo de prensa.

Por suposto que apoio a iniciativa de Marcos Valcárcel.

8 Marzo 2007

OS SEÑORES COMISIONADOS

Arquivado en: WFF Xornalista — magago @ 1:44 am

A cuestión das representacións que, en nome dun numeroso grupo de veciños, se achegan á capital co gallo de reinvindicar ante o Goberno central unha serie de dereitos locais, é un costume que segue a levarse a cabo en grande número de concellos, sexa porque non hai boas vías de comunicación, sexa porque as hai en exceso… Velaí vai este artigo do noso escritor, aparecido no ABC o 19 de xuño de 1914. Xa choveu… mais semella que aínda non enxoitou.

Copia de retrato.jpg

Retrato de W. Fernández Flórez, por M. Benedito. Fondo Xunta de Galicia.

OS SEÑORES COMISIONADOS 

“Aproveitando as dozuras primaverais, coincidindo polo menos con elas, un numeroso grupo de provincias españolas enviou a Madrid comisións para a solución de infinidade de heteroxéneos asuntos. A abundancia de viaxeiros con misión oficial é tan grande, que obriga a recoñecer o prestixio de que aínda goza esta vella maneira de perder o tempo. E esta mesma extraordinaria concurrencia de comisións convida a parar un intre a atención na transparente psicoloxía destes microorganismos de vida tan efémera como inútil.

Un día percátase o pobo de que a súa expansión está nuns kilómetros de vía férrea ou de que o seu porvir consiste no abaratamento dunhas tarifas. Algunhas cartas cruzadas co diputado non tiveron unha contestación categórica ou non deron o froito apetecido. Entón convense nalgunha sesión solemne a apremiante necesidade de ir a Madrid; o Concello ou a Cámara de Comercio paga os gastos. Cinco ou seis señores, radiantes, levan a cabo o sacrificio de meterse no tren e de poñerse en camiño para a Corte. Ante as maletas en que esconden as levitas de moda fantástica, tanto tempo en sosego na placidez pronvinciana, os comisionados estreitan a man das xentes que os despiden. Teñen un xesto decidido e xurarían todos naquel instante que a felicidade da provincia vai entre as súas mans pecadoras, e que a súa empresa ten máis resoante trascendencia que a que levou a uns heroes ao inexpugnable xardín das Hespérides.

O presidente -sempre un señor de certa idade, case sempre con lentes de ouro, invariablemente un ex alcalde ou un candidato á alcaldía- non creu que estivese de máis prometer no ventano do vagón:

- Ou traemos a estrada ou eu voume á miña casa!

Desde aquel día os xornais da localidade abren unha sección nova: “A nosa Comisión en Madrid”. Por regra xeral, o primeiro telegrama contén a sensacional noticia de que os expedicionarios chegaron ben e xa están aloxados no Hotel Palace.

O labor da Comisión comeza a realizarse, atafegador, desde o día seguinte. Os comisionados visitan ao ministro que ten inmediata xurisdición no asunto, e ao director xeral, e un día ao presidente do Consello. Algún xornal de Madrid reproduce as súas lamentacións nun recuncho que titula: “Unha cidade no esquecemento”; outro, fotografía os comisionados ao visitar a casa de feras ou vendo caer a bola de Gobernación.

O ministro, home habituado a estas maneiras de solicitar, tivo a amabilidade de aprender os nomes dos cinco ou seis señores, e na segunda entrevista saúdaos xa con certa familiaridade encantadora:

- Ola, Pérez! Que tal, señor Gómez? Gusta Madrid?

E o presidente ten a ocasión de observar:

- Oh, eu xa o coñecía!… estiven aquí polo oitenta e cinco.

Ao fin, na cidade, onde os seus pasos son seguidos ansiosamente, recíbese o último telegrama optimista: “O ministro prometeu…”. “Os próximos presupostos…”. A cidade arde en xúbilo. Os comisionados emprenden o regreso e, como o correo chega moi cedo á vila, apeánse en calquera estación inmediata para entrar no mixto a media tarde, cando a apoteose pode ser máis brillante.

Despois, no Concello hai un lunch; pronúncianse discursos; baléiranse os sacos das promesas, que non se ven nunca exhaustos. O ferrocarril directo, a ponte, a rebaixa de tarifas, o cuartel… unha loucura! O presidente, ao fin, desmontará os seus óculos de ouro, deixará as súas notas sobre a mesa e limpará os lentes dicindo:

- O pobo dirá, señores, se cumprimos co noso deber.

E máis tarde, asomado ao balcón da súa casa, non poderá resistir a tentación de recomendar que se disolvan en orde os grupos que o acompañaron, vitoreándoo.

Logo… pasará un ano, e nos presupostos non haberá consignación para a ponte, nin para o tren, nin terán sido rebaixadas as tarifas deste ou daquel artigo, e de todo aquilo non quedará máis que un número do ABC, cuidadosamente gardado, onde aparecen os comisionados nunha borrosa fotografía, e a lembranza de Pérez ou de Gómez, que dirá, en toda ocasión, no casino:

- Pois esta moa doureina en Madrid cando o da Comisión…

E pasados dous anos, sairá unha nova representación popular cara a Corte”.

19 de xuño de 1914.

W. Fernández Flórez

________________________________________________

Para saber máis sobre as Tardes de lecer do mes de marzo, PINCHE AQUÍ –> TardesdelecerMARZO2.ppt

Páxina seguinte »

Xestionado con WordPress