CONMEMORACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS NA FUNDACIÓN WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ
A conmemoración do Día das Letras Galegas vense celebrando desde o ano 1963, invariablemente, cada 17 de Maio, lembrando en cada ocasión algunha das relevantes personalidades da nosa literatura. Lembremos que a primeira vez que se levou a cabo este evento foi con motivo do centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Desde esa data, de ano en ano, a Real Academia Galega ven escollendo, segundo é costume, o persoeiro ao que se lle adicará o día cada 17 de Maio.

Este ano recaeu a homenaxe na figura da escritora noiesa María Mariño (Noia, 1907 - O Caurel, 1967). Na Fundación W. Fernández Flórez quixemos contribuir a esta celebración organizando a 1ª Romaría das Letras Galegas, que pretende ser o preludio dunha cita anual en Villa Florentina cada 17 de Maio. Mais na FWFF queremos que esta conmemoración teña un cariz diferente, en que novos e maiores, intelectuais e xentes de a pé, poidan integrarse dun xeito activo e participacivo, intercambiando experiencias e a riqueza dos seus respectivos saberes.
Asistiron a esta romaxe diversas personalidades do panorama político actual, entres eles os representantes locais do PSOE e do BNG, acompañados por varios membros das súas respectivas corporacións, para alén do presidente e o secretario da APC. Todos eles foron recibidos polo presidente en funcións e director da Fundación, Antonio Montero Carro, polo administrador, César Rodríguez Castañeira, o persoal da Fundación, Teresa Moris, Inés García e Alicia Longueira, e polo Deputado Parlamentario e membro do padroado da FWFF, Pablo González Mariñas. Manuel González e Cristóbal Atienza, presidente e secretario da Asociación da Prensa da Coruña, asistiron convidados en representación dos xornalistas da cidade herculina. Tamén se achegou a Villa Florentina un nutrido grupo de personalidades da venciñanza que disfrutaron dunha agradable xornada ao aire libre na Fraga de Cecebre.
Despois de visitar a casa de Wences e de ver a exposición adicada ao Carballo de Santa Margarida, os visitantes foron conducidos ata a lareira situada no alto da Fraga, onde estaba a desenvolverse unha lectura trascendental… Integrantes do grupo Fas-que-fas, dramatizaron o conto popular Brancaflor ante un numeroso e atento público infantil acompañado polos seus respectivos pais. María José Barral, Óscar V. Sánchez, Inés García, Alberta Passeri e Alicia Longueira foron os encargados de levar a cabo esta lectura.

Á unha e media, unha comitiva encabezada polo grupo de gaiteiros Millo Verde, encamiñouse a pé cara o Monolito adicado a O bosque animado baixo a dirección de Antonio Montero. Alí tivo lugar, entre as miradas curiosas dalgúns veciños, unha ofrenda floral a Wenceslao Fernández Flórez. O director da FWFF, despois de saudar a todo o público alí congregado e de agradecer a presencia do Alcalde e do Concelleiro de Cultura do municipio de Cambre, tendo en conta de que estamos en plena campaña electoral, lembrou o acordo previamente pactado de que este evento non tiña carácter político e recalcou que a Cultura debe permanecer fóra da contenda ideolóxica. Aínda así, A. Montero, moi ao seu pesar, víuse na obriga de facer unha petición para que a Fundación poida estar debidamente sinalizada a fin de evitar molestias aos visitantes foráneos; tamén recalcou que é necesario mellorar as condicións do monolito, moi alteradas desde que o escritor o inaugurase en compañía da súa nai a mediados dos anos 50 ante destacadas personalidades políticas e intelectuais do momento. Desde esta perspectiva o director da FWFF resaltou a importancia de dotalo dunha axeitada iluminación e dunha adecuación do espazo que o rodea que lle poidan devolver a súa anterior dignidade facéndoo máis visible ás miradas dos visitantes. É esta unha carencia que tamén viron os alí presentes e que as nosas autoridades locais se comprometeron a subsanar. Pola súa parte, o Aldalde compromoteuse a facer deste un día de festividade local que permita ás xentes disfrutar en Villa Florentina cada 17 de Maio nesta Romería das Letras Galegas que pretende institucionalizar. Este achegamento ata o monolito do Bosque Animado servíu tamén para facer unha primeira semblanza sobre a figura de María Mariño, que foi complementada coa lectura dun poema.
En calquera caso, e tal e como recolle a prensa no día de hoxe, para Antonio Montero faise necesario celebrar este Día das Letras Galegas cos paisanos de Galicia, a esencia do pobo que durante séculos soubo manter vivas a nosa lingua e a nosa fala.

Xa de volta en Villa Florentina puidemos comprobar como os rapaces estaban a rematar o labor comezado despois da lectura do conto, labor que consistíu na creación da súa propia marioneta. E crearon interesantísimas versións de Brancafrol, do seu cabalo e do mozo… Tamén se divertiron xogando cos zancos, co aro, co tiratacos, probando puntería na rá ou dando golpes ás bolas do croquet para facelas pasar pola portela correspondente. Houbo quen preferíu saltar á comba e para outros a diversión consistíu en xogar con dúas fermosas marionetas de madeira que o director da Fundación quixo, aproveitando esta deleitosa ocasión, deixar en depósito na Fundación xunto cunha interesante e coidada selección de poemas do bardo Eduardo Pondal.
Pondal, versos iñorados ou esquecidos (1960). Reunidos, prologados e anotados por R. Carballo Calero.
Certamente, moitos destes xogos populares suscitaron tanta ou máis atracción por parte dos pais que dos fillos…

Unha vez rematado o tempo de xogo, cada quen ubicouse no seu lugar para o xantar. Houbo quen preferíu a sombra dos carballos índose asentar na parte de arriba do monte; houbo quen preferíu o sol e a textura da herba para degustar un xantar caseiro. Cómpre sinalar o variado dos menús. O bistés emapanados, a tortilla e a empanada foron algunhas das viandas que se inxeriron, mais tamén debemos facer unha mención especial do churrasco, preparado por Ramón con toda a paciencia que isto require, e tamén unha paella feita por Carmen Couto, quen posúe unha man especial para a elaboración deste prato e cuxa relevancia en Villa Florentina debemos destacar, xa que Fernández Flórez, nas súas visitas a Valencia, non deixaba pasar a ocasión de degustar tan delicioso preparado, polo que sentía especial devoción. E para sobremesa, xa tiña preparadas Tareixa unhas bandexas cun combinado de queixo e marmelo con biscoito que foi degustado con pracer por todos os alí presentes. En calquera caso, o tempo de xantar discurríu nese grato ambiente que favorece a conversación pausada e serena, apta para tertuliar sobre os máis dispares temas.

Non podemos esquecer neste artigo un feito destacado. Israel Picón, un dos comisarios da exposición do Carballo de Santa Margarida, vistou Villa Florentina acompañado dos seus pais e uns amigos. E na súa visita non viñeron sós, senón que trouxeron un carballo, fillo do centenario carballo de Mourente, para a FWFF e outro para o Alcalde, nun acto de irmandade con todas as árbores da Fraga de San Salvador de Cecebre. Doutra banda, Pablo González Mariñas fixo donación dunha edición d’O Bosque Animado de Pilar Nieva de la Paz, quen xa visitou Villa Florentina nunha anterior ocasión. Tamén vistou por vez primeira a casa de Wenceslao o señor Manuel Corredoira, quen fixo donación dunha edición da novela Silencio, de WFF, e tamén dunha interesantísima colección de artigos de ABC do noso escritor.

Homenaxe a María Mariño. Xa por volta das cinco desta soleada tarde, integrantes do grupo de teatro Fas-que-fas, apoiados por Antonio Montero, foron os encargados de levar a cabo un recital poético nos xardíns de Villa Florentina coa especial colaboración musical de Raúl Galego. Nesta ocasión, o coñecido gaiteiro acompañou a Inés García e Alicia Longueira nun recitado singular duns versos de Rosalía de Castro que, a ritmo de muiñeira tocado no pandeiro, foron os que serviron para dar paso ao recital de María Mariño. Intercaladas entre as poesías, foron lidas unha serie de semblanzas adicadas á figura da poeta de Noia, sempre baixo o rumor das follas dos carballos que, acariñadas pola doce brisa da tarde, nos acompañaron neste tempo de lecer.

E a todos os amigos da FWFF, pola súa desinteresada e máxica axuda,
MOITAS GRACIAS!!
E lembrámoslles que o día 19 continuamos cos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas cunha escolma de textos literarios dos nosos autores máis relevantes.