Setembro na FWFF
ASÍ INICIAMOS SETEMBRO EN VILLA FLORENTINA
O próximo fin de semana, primeiro do mes de setembro, teremos unha dupla actividade en Villa Florentina. Dunha banda, dentro do programa de actividades das TARDES DE LECER NA FWFF, o grupo de teatro Fas-que-fas será o encargado de levar a cabo a lectura dramatizada de textos dunha das primeiras novelas de Fernández Flórez, publicada no ano 1903. Trátase de Krum Bace, texto do que xa falamos tempo atrás noutro artigo adicado á obra de WFF neste mesmo blog.
É este un relato corto, escrito cando Wenceslao contaba apenas 18 anos de idade e comezaba a facer as súas primeiras incursións no mundo xornalístico e literario, tres anos despois da morte do seu pai, Antonio Luis Fernández Lago. Nesta historia, o protagonista, un home deforme e de desagradable aspecto, está suxeito na súa vila ás mofas do pobo, mofas que se acentúan cando se descubren os sentimentos amorosos que o desditado ser profesa por unha fermosa moza. A idea do home-monstro, sensible ante a beleza e a bondade, está presente ao longo de todo o relato, o que nos fai lembrar a personaxes como o home-elefante, a Besta do popular conto, e mesmo ao propio Frankenstain.
Esta lectura terá lugar o vindeiro sábado, día 1 de setembro, por volta das sete do serán.
_________________________
TÉ CON HISTORIAS
Concha Espina
Por outra banda, o primeiro domingo do mes, como xa ven sendo habitual, temos unha cita coa nosa tertulia das cinco. Neste caso, estará dedicada á escritora Concha Espina, quen compartíu con Fernández Flórez e Pérez de Ayala o Premio Nacional de Literatura non ano 1927. Este fóralle concedido por Altar Mayor a Concha Espina; por Las siete columnas a Fernández Flórez e por Tigre Juan a Pérez de Ayala.
Altar Mayor, obra publicada en 1926, Premio Nacional de Litertura. Exemplar pertencente aos Fondos Bibliográficos de A. Montero.
Na Biblioteca de Fernández Flórez, en Villa Florentina, achamos dúas obras da escritora santanderina. Velaquí as amosamos:
Retaguardia, obra publicada en 1937.
La esfinge maragata (1914) aparece na bilbioteca de Wenceslao dedicada pola súa autora. Por esta obra foille concedido o Preimo Fastenrath da Real Academia Española.
Sobre esta escritora e sobre algunhas das súas obras trataremos o domingo día 2, por volta das cinco da tarde.



























