DE PORTERÍA A PORTERÍA
“O bo gol de España”
Capítulo XVII
E de súpeto, un aluvión de tremendas noticias. Semellaba que o mundo xa se tiña concitado contra nós. Un equipo portugués pasara o ancho Miño e xa se achaba na Coruña; resoltos futbolistas franceses, chamados de Saint-Etienne, despois de loitar en Valencia, avanzaban cara Madrid, e na Italia estaban preparados os avións que debían deixar caer sobre o estadio de Chamartín fortes xogadores italianos. Aínda que non leo crónicas de fútbol nin converso con ninguén deste tema, comprendín sen esforzo que a situación era grave. Polo Norte, polo Leste, polo Oeste…, todas as nosas fronteiras desbordando ataques. ¡Oh, século de calamidades! A preocupación cincelou enrugas na miña frente. Que máis quere de nós a codicia humana? Hai tempo que se nos acabaron as colonias, o noso ouro foi roubado, afastados países están a robustecerse coas vitaminas das nosas laranxas, milleiros de botellas de xerez disipan as brétemas da alma inglesa. Que nos resta aínda? Que máis queren de nós?…
Que máis han de querer? Ai, infelices! Os nosos goles! Iso é o que trae o blasonar de riqueza, o dedicar prazas de información ao noso fútbol, o publicar o número de goles que cada domingo producen en xenerosas colleitas os ubérrimos campos de deportes da Península. Por aí fóra díxose: “Onde hai diso? En España? Pois alá nos imos a buscalo.” Hoxe, todas as nacións precisan goles.
Padecín durante uns días de angustia, porque non podía determinar en que clase de excesos culminaría a invasión. Sen dúbida levaríanse todos os goles do territorio, quizais rexistrasen as nosas casas, pisando forte coas súas recias botas, para inquirir con ceño:
- Hai aquí algún gol?… Entregue todos os que teña.
Coma min estaban todos os españois. Sentíase ferver a inquedanza. Era doado adiviñar que, se se tratase dun simple xogo, nin a xente se exercitaría tanto nin se pagarían cantidades fastuosas por entrar no estadio. Baixo o meu punto de vista, cando un home dá mil pesetas por unha localidade é porque pensa:
- Se vencemos, a prosperidade da Patria xa me resarcirá, e se nos derrotan, os cartos non me servirán para nada.
De modo que a cousa estaba fea, e un doíase de que estes tempos nos trouxesen demasiados perigos. Os bos fados quixeron que chegasen novas favorables. Forzas enviadas á Coruña obrigaron aos lusitanos a repasar o Miño despois de un cinco a dous, mentres que outra expedición estratexicamente enviada a Lisboa contivo cun empate os xogadores que podían sair dalí en auxilio dos seus compañeiros. No tocante aos de Saint-Etienne, en Madrid feneceron. Respiramos. Non ía de todo mal o asunto.
Mais faltaba Italia. Aplastado o francés, reprimido o luso, podería crerse que a situación se aclaraba e que non sufriríamos a desdita de ser un pobre país sen goles, rebaixados ante a estimación universal. Mais a “squadra azurra” viña agora, con todo o seu ímpetu de campeonato. Que nos reservaría o destino? Desde o fondo da miña alma de bo patriota, clamaba: “Non lle peguedes máis paos á Mariana, nacións do mundo; deixádenos, cando menos, os goles!”
Aos que non coñezan as peculiaridades destes asuntos, direilles que existe un señor encargado de seleccionar as forzas que, en casos semellantes, han de opoñere ás extrañas. Este bo cabaleiro ven a ser unha especie de xefe de Estado Maior, e elixe a un, porque corre; a outro, porque chuta; a este por non sei que, e aquel, pola súa eficacia comprobada. Ninguén discute as súas decisións. É dicir, que se ese seleccionador nacional chama á porta da súa casa de vostede e lle manda: “Señor Rodríguez, o domingo, ás catro, preséntese no estadio de Chamartín a competir coa “squadra azurra”. A Patria esíxeo”, pois vostede non ten máis saída que a de cadrarse, exclamar: “Á orde!”, e vendarse as pernas polo que poida pasar. Digo eu que as cousas ocurrirían así. Entón el forma un equipo e, esquivando a intensa espionaxe que comeza a bulir ao seu redor, garda o importantísimo segredo de se Pérez vai xogar como dianteiro centro ou de se López figurará na retagarda. Oh, isto é moi serio!
Ben; pois comezou o partido. Nunca vin tanta xente reunida, nin tantos fotógrafos xuntos. O inglés estaba alí como árbitro -e quizais para levarse ás súas illas algúns goles que houbese, porque xa se sabe que os ingleses non andan por aí a tontas e a locas- pitou e, corre por aquí, corre por alá, iniciouse a loita. A medida que o tempo avanzaba, medraba nos espectadores a seguridade de que, coa excepción dun rapaz ao que chaman, segundo oín, Gonzalvo III, os xogadores do grupo español estaban derrengados. A miña extrañeza de neófito sumouse á extrañeza xeral, e máis cando me enteraron de que o partido que desenvolvía as súas fases ante nós non era obrigado por campeonatos internacionais, senón voluntaria e amistosamente organizado, o que fai pensar que -se non se dispón dun equipo de forzas semellantes ás do adversario- é ir buscar voluntaria e desagradablemente unha derrota, e como se excita tanto -con fins económicos- a paixón da xente, ven a semellar algo así como se a reputación dun país se puxese en xogo. E resulta que se trae de lonxe a señores que non lle fan un gol ao Madrid ou ao Xetafe, senón a vostede e a min e a ese home que pasa pola rúa.
Isto comezou a poñerme de mal humor. Mais bruscamente comprendín o verdadeiro significado do trance. Tratábase, sen dúbida, de dar ao mundo probas da vella e magnífica cortesía española. Xa, nunha ocasión lonxana, estudei o caso dun porteiro galante, que non se opoñía a que a pelota entrase na súa rede. Aquí eran once mozos xoves, correctisimamente educados, que lanzaban o balón non entre eles, senón aos convidados estranxeiros, e sinalábanlles a meta, instándoos: “Pasen vostedes. Desexan outro gol? Están na súa casa.”
As multitudes non entenden estas delicadezas e deprímense cando, sen ser preciso, se lles forza a comprobar a súa inferioridade. Dicíase onte no campo que, dos once xogadores españois, tres estaban lesionados antes de comezar o partido; dous, enfermos, e catro, de mal humor. Mais, quen forzou ao seleccionador a elexilos? Ben puido chamar noutras portas. Á de vostede, á miña… Precisamente, o domingo eu non tiña nada que facer… Botaría unha man…”
W. FERNÁNDEZ FLÓREZ