Mercedes Ballesteros Gaibrois
TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ
Na tarde do pasado sábado disfrutamos dunha agradable sesión sabatina cargada de actualidade na FWFF, unha actualidade procedente directamente do ano 1953, data en que se publicou a obra da Baronesa Alberta titulada Así es la vida, protagonista deste día.
O profesor David Meier foi o encargado de presentar ante o noso auditorio a esta descoñecida escritora, licenciada en Filosofía e Letras e inxustamente caída no esquezo a pesar de ter no seu haber unha ampla produción literaria e de ter escrito tanto poesía, como ensaio, teatro, contos ou novela.
Mercedes Ballesteros naceu en Madrid no ano 1913 e morreu en 1995. Escribíu desde os 18 anos empregando diversos pseudónimos segundo a temática. Así, á marxe do emprego do pseudónimo ”Baronesa Alberta” para o seu ensaio humorístico Así es la vida e para outros artigos de La Codorniz, tamén escribíu novela romántica co apelativo de “Sylvia Visconti” e novela policíaca co de “Rocq Morris”. Debemos destacar a obra biográfica feita por Ballesteros sobre a figura da escritora e poetisa cubana Gertrudis Gómez de Avellaneda. Foron centro de grande actividade intelectual, xa nos últimos anos da súa vida, as tertulias por ela creadas na súa casa de El Viso.
Através da lectura de Así es la vida podemos captar o seu especial concepto do humor, semellante nalgúns aspectos ao defendido por Fernández Flórez no seu discurso de ingreso na RAE. As tamáticas tratadas, vistas desde a óptica dunha muller feminina, intelixente, pragmática e, sobre todo, actual, ofrécense no ano 2008 como un comentario social aplicable á nosa realidade sanitaria, urbanística, educativa, á libertinaxe propia de pais e fillos, etc. A dramatización dunha serie de textos seleccionados atinadamente por David Meier serviron para dar a coñecer entre os nosos ouvintes unha peza máis dese sorprendente recuncho de Villa Florentina que é a Biblioteca de Wenceslao.
Recomendamos, pois, desde estas liñas, a lectura de Mercedes Ballesteros Gaibrois. Demanden nas súas bibliotecas e disfrutarán dun momento ameno e, simultanemente, óptimo para a reflexión. Mais, dun xeito moi especial, queremos recomendar a lectura desta interesante peza á nosa actual Ministra de Igualdade.
Tamén queremos deixar neste artigo unha interesante viñeta extraída, precisamente, da revista de humor La Codorniz, ano 1942. Falamos neste mesmo blog, nun artigo anterior, sobre eses novos ricos que actualizan e modernizan o espacio rural seguindo uns criterios tan innovadores como absurdos. Velaquí vai un exemplo… Que o disfruten! E… tómense a vida… con moito humor!



















