Na tarde noite do sábado día 20, difrutamos en Villa Florentina do inmenso pracer de escoitar ao poeta Xulio López Valcárcel, da súa obra e da súa pracibre conversación. Xulio atopábase entre amigos e así é como na Fundación deséxamos tratar aos nos convidados. Coñezo a Xulio desde hai anos, xa que colaboramos en diferentes proxectos concitados arredor de Carlos Casares: naqueles momentos en que se fraguaba o de Poetas e Narradores nas súas Voces -CCG, tomo I- do que se editaron dous tomos, e onde Xulio escolleu como representativo da súa obra poética, igual que fixeran outros poetas e narradores, aquelas pezas máis representativas para el, entre as que se atopaba o poema “Se envellecemos xuntos”, ese poema que está a converterse en un icono da poesía galega ao ser empregado en milleiros de casorios civís de Galicia. Sin ser o poema de Curros, ”A Virxen do Cristal”, ou o de Rosalia Castro “Castellanos de Castilla, tratade ben aos gallegos; cando van, van como rosas; cando veñen, como negros”; sen ser Xulio, ningún desos dous grandes iconos, penso que este traballo del vai camiño de converterse nunha peza especial das nosas letras, do noso pobo, da nosa sensibilidade, da nosa esperanza de vida compartida.

Velaquí vemos un momento do evento, en que Antonio Montero, director da FWFF, fai a presentación de Xulio L. Valcárcel.
A tarde deu comezo coa visita de Xulio e da nova poeta, Diana Varela, ás instalacións da Fundación, quenes repararon especialmente na coidada biblioteca de Wences, nos volumes de recolleita de toda a súa crítica literaria en España, no coidado e seleccionado das obras alí recollidas, nos ficheiros, nas diferentes coleccións de libros ou mesmo na fotografía que recolle o momento da súa entrada na Real Academia Española acompañado polo ilustre galego Monseñor Eijo Garay, vigués de pro e gran valedor da nosa Galicia naqueles tempos. Xulio reparou especialmente no espacio vital onde o escritor producía a súa obra: esa especie de apartamento especialmente diseñado para ter a súa intimidade mentres escribía, cousa que sempre facía de noite ata altas horas da madrugada, polo que depois se levantaba tarde. Wenceslao era home que anotaba todo e que, según o que contan as xentes do lugar, era home moi falangueiro e sempre falaba en galego, detalle importante naquel pobo a onde no verán viñan os señoritos, as xentes de Coruña, de Madrid, xentes que falaban en castelán habitualmente entre eles e había pouco cruzamento de conversa ou mesmo saúdos cos parroquianos, agás na Misa. Sin embargo, os Wences sempre foron mirados cos aldeanos.
Pois todos estes detalles foron de grande interés para o amigo Xulio López Valcarcel, quen con interesada atención foi anotando no seu miolo os pequenos detalles.

Un momento da disertación e da lectura de poemas realizada por Diana Varela.
Chegadas as sete da tarde, hora á que o público de Cecebre acude cada sábado a interesarse pola cultura galega nas súas diferentes expresións, pasamos á sala multiusos, que non é outra que o comedor da casa de Wences, onde se colocan cadeiras e unha mesa ao lado da lareira, presidida sempre por unha pintura do escritor colgada na cambota da cheminea, onde ardía un lume que inundaba toda a sala co calor propio do fogar.
Presentei a Xulio ao público presente, entre o cal se atopaban numerosos seguidores da súa obra e mesmo profesionais do seu sector de traballo cotiá que descoñecían esa faceta de poeta, pois é un gran profesional no seu traballo como procurador, mais tamén un gran profesional como escritor e poeta. Xulio tomou a palabra e, nunca mellor dito, pasou a lernos os seus poemas, mais antes de cada lectura, explicounos o seu xurdimento, como foi construido ou cal foi o motivo de cada un deles. Unhas interesantes reflexións que en diversas ocasións levantaron o aplauso do público, entregado ao calor das súas verbas, da súa poesía, do seu decir e do seu contido.
Ao remate, e ante a miña insistencia falouse do libro de viaxes que lle encargou A Nosa Terra -tomo 4, As Viaxes- no ano 2001: Viaxe polas terras de Chantada e A Ulloa. É un texto en que amosa un grande coñecemento da narrativa e do espazo sin envexarlle nada aos traballos descriptivos de viaxes da nosa Galicia acometidos por numerosos autores como Otero Pedraio. Estes son, ao meu entender, os de Xulio López Valcárcel, unha descrición entusiasta e coñecedora do máis mínimo detalle da zona, na súa arquitectura, na súa cultura, no seu espazo vital, na súa produción agrícola ou forestal, nas súas crenzas e nos seus misterios.

Diana Varela Puñal leva a cabo a lectura dalgúns poemas do seu primeiro libro Fíos, IV Premio de Poesía Uxío Novoneyra no ano 2006.
Finalmente, e de xeito sorpresivo, Xulio convida a que a nova poeta Diana Varela, presente na sala, nos faga lectura dalgún dos seus poemas editados, e así foi como unha rapaza nova nos fixo ver que a poesía nace desde o berce, desde o leite que un mama ou o espazo en que xoga. Esperamos que esta rapaza, froito das nosas aldeas de Galicia, acade o lugar que lle corresponde polo seu ben facer, pola súa síntese e pola fermosura que amosa nos seus poemas.
Foron moitas as preguntas feitas polo numeroso auditorio, ao que respondeu tanto Xulio como a propia Diana.

Xulio López Valcárcel e Diana Varela Puñal asinan no Libro de Honra da FWFF.
Rematouse, como de costume, coa firma no Libro de Honra da casa e coa degustación dos melindres preparados pola Dona de Cecebre, a quen o día anterior lle dedicaran unha peza musical con ese título e a quen pronto lle choveran ata poesías…
Felicitamos as festas aos presentes e desexámoslles moita sorte para o vindeiro ano 2009.
Antonio Montero
San Salvador de Cecebre