FIN DE SEMANA
Acababamos de vivir un intenso fin de semana en Villa Florentina, a cabalo entre as estratexias de mercado da Escola de Finanzas da Coruña e as vivencias dun galego na Sevilla de fins do XIX, pasando pola historia da ciencia na cidade da Coruña, tamén no século XIX.
Tal e como estaba previsto, o sábado pola mañá foron os alumnos da Escola de Finanzas, da Coruña, os que ocuparon o seu posto nas instalacións da FWFF coa finalidade de levar a cabo unha clase práctica, para o que foron buscando o seu lugar en distintos puntos do xardín e tamén do monte. Foi unha mañá intensa, áxil e moi activa para un atento grupo de estudantes que puxeron a proba a súa capacidade imaxinativa e intelectual conseguindo o que parecía imposible: que un ovo saíse desde unha das máis altas xanelas de Villa Florentina… ¡e chegase ao chan intacto! Isto, que pode parecer trivial nunha lectura simple, é parte dun dos moitos exercicios aos que se terán que enfrontar os alumnos durante este curso para, unha vez inmersos na vida laboral, encarar con determinación e sentido común as diferentes situacións do seu futuro traballo.


Despois de repoñer enerxías, os alumnos da Escola de Finanzas visitaron a casa-museo, completando así este día. Desde a FWFF desexámoslles moita sorte na súa empresa.
TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ
Mais a actividade da FWFF non rematou aquí, pois ás sete da tarde foi inaugurada unha exposición da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda dedicada á vida científica na cidade da Coruña no século XIX. Roberto Catoira, presidente da Agrupación, foi quen de acompañarnos neste día. Destacamos o interés desta mostra que, a través de didácticos paneis, nos achega a algúns dos momentos máis relevantes (e tamén descoñecidos) da actividade científica desenvolta na Coruña gracias a xentes como Ramón de la Sagra, Durán Loriga, Médico Rodríguez, e outras moitas e relevantes figuras da cidade das que hoxe apenas queda un nome nunha rúa. Pola súa recuperación, agora que tanto se fala de memoria histórica, recomendamos o visionado desta exposición.

Imaxe da inauguración da exposición.
CLUB DE LECTURA
Lendo con WFF e os seus contemporáneos
E, para rematar, lembrámoslles que o noso Club de Lectura segue a súa marcha sen pausa. No día de hoxe dedicamos os nosos comentarios á obra La hermana San Sulpicio, do escritor asturiano Armando Palacio Valdés. Esta obra ofreceu moitos motivos para o comentario, destacando as súas personaxes, a descrición dos ambientes e das paisaxes, así como o reflexo da imaxe que dos galegos se tiña naquel entón, que aparece insistentemente destacado na novela. Isto deunos pé á lectura do artigo “Teoría del gallego”, de WFF, moi a conto co dito e mesmo coa vida política do noso país na actualidade. Ademais de todo isto, debemos sinalar que na FWFF pode verse unha fotografía de Palacio Valdés dedicada a Fernández Flórez, supoñemos que nos anos 20.