4ª ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS
Frores de maio
nevando dos mazairos
pre que ún quede inda máis quedo
que ollándovos no alto.
Uxío Novoneyra
Deu comezo á mañá da 4ª Romaría das Letras Galegas en Villa Florentina neste ano dedicado a Uxío Novoneyra coa chegada dos nenos que viñan ansiosos por escoitar ao contacontos Pablísimo, quen elexíu como lugar especial para a súa actuación a lareira da Fundación, no alto da Fraga, entre piñeiros centenarios, castiñeiros, carballos e loureiros. En medio desta frondosidade recibíu aos nenos, como ben podedes percibir nas fotos: todos eles se mostraron entusiasmados, acompañados polo Alcalde de Cambre, Antonio Varela Saavedra, e o membro da Fundación César Rodríguez Castañeira. Eran as doce e media da mañá e os paxariños trouleaban e recibían aos nenos coa ledicia do seu canto, mentres os esquíos ían e viñan polas pólas das árbores e os nenos ficaban inquedos coas historias meigas do noso amigo Pablísimo.


Varios momentos escoitando os Contos de Pablísimo. Entre o público asistente vemos ao Alcalde de Cambre, Antonio Varela Saavedra, acompañado polo administrador da Fundación, César Rodríquez Castiñeira.

Rematado este acto, iniciouse un rápido descenso e comezou a formarse a comitiva que habería de subir cara o monolito de Wences, cos cantores da Fundación, cos convidados en xeral e o señor alcalde, a iso da unha e media. O lugar do monolito é un espazo maxicamente instalado nos anos 50, coidado e posto en valor polo actual alcalde o ano pasado a través do Plan E, o que é moito de agradecer. O Alcalde presidíu a comitiva acompañado polo señor César Rodríguez e seguidos eles polo público presente coa grata ambientación musical da gaita e do tamboril. Realmente semellaba a procesión da Santa Liberdade das Letras Galegas, esa señora da que a sociedade galega se lembra somentes un día ao ano e de quen se fai preciso lembrarse con máis frecuencia.



Chegados ao lugar foron feitas as correspondentes presentacións por parte do anfitrión. Neste caso, o señor César Rodríguez falou en nome da Fundación para lembrar o motivo da reunión deste significativo día, agradecendo a presenza da autoridade local, o señor Alcalde e convidados, cedéndolle a palabra á directora do grupo teatral, Alicia Longueira, quen dirixíu a ofrenda dando comezo á lectura dunha selección de poesías de Uxío Novoneyra co persoal do grupo de teatro infantil O Polo Saltón e membros do grupo de teatro Fas-que-fas, ambos os dous da FWFF, que fixeron unha fermosa lectura dunha parte da obra Os Eidos. Pechou esta parte do acto o grupo de canto Arumes da Fraga, da FWFF, interpretando o Himno Galego en memoria dos homenaxeados. Tomouse o camiño novamente para volver á Fundación, onde se despedíu a autoridade local mentres o resto dos presentes entraban na Fundación para continuar coa Romaría nese espazo máxico que é Villa Florentina.

Arumes da Fraga, coro da FWFF.
Alií xa se foron achegando pouco a pouco outras personaxes da zona, como o amigo da Fundación Eloy Gómez Taboada e outros convidados. Dispúxose entón a xente para xantar un sabroso lacón asado acompañado dunha ensalada e outras viandas que cada quen trouxo preparadas con todo o agarimo propio dun día de romaría. Logo de xantar tranquilamente baixo a sombra dos carballos, foi disposto o campo de xogo para comezar coas carreiras de sacos, onde os máis pequenos e áxiles rapaces se lanzaron nun frenético rebote embutidos dentro dos correspondentes sacos nunha loita febril por chegar antes á meta. Non deixaron de darse situacións enormemente tensas entre os competidores, como é adoito nestes casos. Ofrecemos imaxes impactantes sobre este aspecto.


Pouco a pouco foron quedando participantes eliminados. Velaquí abaixo verán unha trepidante imaxe do momento en que Lucía Cernadas Varela chega á meta convertíndose en gañadora da carreira despois de que o seu rival se apease do saco caendo ao chan.

Despois das carreiras de sacos, en que aínda competiron un grupo de adultos, iniciouse o campeonato de croquet, proba que creou grande expectación mesmo entre os medios de comunicación. Aproximadamente ás cinco da tarde deu comezo a partida en medio dun agradable e soleado ambiente. Catro equipos formados por catro participantes, aos que se xuntaron máis tarde dous novos xogadores, loitaron deportivamente polo título de campeóns. Foi o equipo negro quen, despois dunha reñida partida, acadou a victoria. Amosamos algunhas imaxes deste xogo polo que Wences sentía especial predilección. En Villa Florentina pode verse hoxe en día o xogo orixinal empregado pola familia no seu tempo de lecer.


E como peche desta romaría o Coro Cántigas da Terra interpretou varias pezas do seu variado repertorio. Dignísima representación da nosa tradición e da nosa cultura, esta agrupación histórica garda unha directa relación coa figura do escritor Wenceslao Fernández Flórez e eles mesmos foron quen de facelo patente cun agasallo de grande significación para a FWFF: unha fotografía onde se pode ver ao escritor visitando o local de Cántigas da Terra no ano 1947. Agradecemos moi sinceramente este fermoso detalle, dámoslles o noso parabén polo feito de que a cidade da Coruña recoñeza a valía do seu labor dándolle o seu nome a unha rúa e desexámoslles un grande éxito na súa próxima visita ao 40º Festival Intercéltico de Lorient o vindeiro mes de agosto. Levamos no noso sentir a grata emoción de saber que alí representarán, non só ao espírito da cidade coruñesa, senón tamén o de todo o pobo galego.


Cántigas da Terra durante a súa actuación.
Abaixo, varias imaxes do público repartido entre o sol e a sombra…

E xa pola noite, en chegando a oscuridade misteriosa en que revoan as meigas, tanto aquí como no Courel…
Canta o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e non di nada
e volta o cuco a cantar.
Uxío Novoneyra
Desde a FWFF queremos agradacer a inestimable colaboración de todos aqueles que neste día de celebración nos axudaron a levalo a cabo. Moitas gracias a todos, amigos!