Tardes de lecer na FWFF
SÁBADO 23 DE XANEIRO EN VILLA FLORENTINA
Mañá, sábado día 23, terá lugar unha nova tarde de lecer en Villa Florentina. Neste caso presentamos unha actividade complementaria á nosa exposición dedicada á emigración. Como xa temos comentado en anteriores ocasións, Fernández Flórez foi un autor comprometido coa causa dos emigrantes vícitimas, en moitos casos, dos abusos dalgunhas casas consignatarias e compañías navieiras que, aproveitando a súa superioridade sobre os futuros viaxeiros, trataban de “sacar tallada” na venta de pasaxes cara América. Este, precisamente, é tema central do relato Luz de luna, e aparece en artigos de prensa en xornais como La Defensa, de Betanzos, ou en El Noroeste, da Coruña, e aínda en Volvoreta ou O bosque animado podemos ler referencias claras á cuestión da emigración.
Este evento, que se centrará na relación existente entre o relato Luz de Luna e a súa versión cinematográfica, Camarote de lujo, serviranos para pór de relevo tamén o vencello creado entre o propio Fernández Flórez e o mundo do cine. Lembremos a consideración que para Héctor Paz, estudoso da obra de WFF e do seu cine, ten o escritor como cineasta.
Como todos os sábados, esta actividade terá lugar ás sete do serán e a entrada será tratuíta.
EXPLORANDO A BIBLIOTECA DE WFF
Aproveitamos a ocasión para lembrarlles que o vindeiro sábado día 30, último do mes de xaneiro, terá lugar nova sesión literaria con David Meier na nosa sección Explorando a Biblioteca de WFF. Ás 19.00h.
