Fundación Wenceslao Fernández Flórez

27 Xaneiro 2010

El Camino, de Miguel Delibes

Arquivado en: Eventos, Programa TARDES DE LECER NA FWFF — magago @ 2:15 pm

Continuando a traxectoria literaria da programación da FWFF, Lendo con WFF e os seus contemporáneos, dedicamos a nosa última sesión do club de lectura da FWFF a unha obra que ten especial relevancia dentro da biblioteca de Wenceslao, pois está dedicada polo propio autor a Fernández Flórez. Trátase de El Camino (ed. Destino, Barcelona, 1950), de Miguel Delibes, home dotado dun pensamento cargado de fonda e humana sensatez.

Miguel Delibes.jpg

Esta novela narra o drama de Daniel, el Mochuelo, un rapaz de once anos que, impulsado polo seu pai, debe abandoar a súa aldea para irse á cidade a estudar, a fin de converterse nun home de proveito, inmerso no progreso. A derradeira noite que pasa na súa casa antes da marcha será para Daniel, el Mochuelo, un tempo de desvelo, cargado de intensas lembranzas. A súa mente comeza unha fonda reflexión sobre o valor do progreso, segundo el o entende e, a través da súa inxenuidade, continuará facendo memoria do tempo vivido cos amigos, coa xente da aldea, co seu entorno natural e todas as súas experiencias iniciáticas.

Deste xeito, o autor da novela achéganos á vida dunha España singular, cargada de personaxes de fonda humanidade, onde nos adentramos, a través dunha noite de insomnio, na nostalxia dunha vida de once anos que ha de emprender un novo camiño.

A Miguel Delibes e a súa obra tamén dedicamos unha tarde Explorando a Biblioteca de WFF. A nosa próxima sesión de exploración terá lugar o próximo sábado, día 30, e nela David Meier falaranos da Épica Medieval.

VF4.jpg

Doutra banda, a nosa próxima sesión literaria terá como obxecto de atención a novela de Vicente Blasco Ibáñez titulada Los cuatro jinetes del Apocalipsis. Será o día 28 de febreiro ás 18.00h, pois o terceiro sábado do mes (día dedicado habitualmente a esta actividade) o grupo de teatro Fas-que-fas, da FWFF, actuará en Vimianzo, ás 20.00h, coa obra de teatro Os mortos factúranse e as mulleres denúdanse, de Darío Fo.

E, adiantando xa a nosa programación de febreiro neste ano en que celebramos o 125 Aniversario do nacemento de WFF, destacamos o Baile de Antroido que terá lugar o sábado 13. O grupo de acordeóns Os Diplomáticos de Forcarei estarán con nós esta tarde para amenizar o baile, ao que cómpre vir axeitadamente vestidos. Este día, que é o segundo sábado do mes, tamén terá lugar o Conto Infantil da Caixa dos Contos Favoritos. Ás sete da tarde, en Villa Florentina.

Doutra banda, o día 27 terá lugar a presentación do primeiro libro de Javier Farto, que leva por título La Campanilla y otros relatos e que está editado por La Fragua del Trovador na súa colección de Escritores Nóveles. Poden coñecer máis a este escritor en http://javierfarto.wordpress.com/. Ás sete do serán.

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Semente RSS para os comentarios desta anotación. URI para o Rastro(Trackback)

Deixar un comentario

Xestionado con WordPress