Club de lectura “Lendo con WFF e os seus contemporáneos”
LITERATURA E CINE
no 125 Aniversario de WFF
Na nosa próxima sesión literaria do club de lectura (domingo 28 de febreiro) trataremos de xeito especial dous tipos de relación: dunha banda, a existente entre literatura e cine; doutra banda, a existente entre literatura e xornalismo. Como é sabido, o Fernández Flórez escritor mantivo sempre un singular vencello co mundo cinematográfico, pero como escritor, tamén, sempre plasmou nas súas obras temas sociais, de actualidade cultural ou política: Los que no fuimos a la guerra reflicte, a través do humor, a traxedia da Primeira Guerra Mundial no imaxinario país de Iberina. En 1965 foi estrenada a súa versión cinematográfica baixo a dirección de Julio Diamante. Con certa proximidade temática, o libro que centrará a nosa atención foi escrito polo valenciano Vicente Blasco Ibáñez e está ambientado no mesmo conflito bélico. Trátase de Los cuatro jinetes del Apocalipsis, obra escrita por encargo, tal e como describe o autor da novela no comezo. Raymond Poincaré, presidente da República Francesa nos inicios da guerra, diríxese a Blasco Ibáñez deste xeito:
“- Quiero que vaya usted al frente -me dijo-, pero no para escribir en los periódicos. Eso pueden hacerlo muchos. Vaya como novelista. Observe, y tal vez de su viaje nazca un libro que sirva a nuestra causa.”
Por todo isto, na nosa reunión dominical falaremos da novela que nos corresponde, mais faremos especial fincapé nestas interesantes cuestións que están directamente próximas á obra elexida: xornalismo, literatura e cine.
Los cuatro jinetes del Apocalipsis foi levada ao cine en dúas ocasións: unha delas, en 1921 baixo a dirección do irlandés Rex Ingram. Un xoven Rodolfo Valentino aparecía como protagonista, encarnando o papel de Julio Desnoyers. Estaba acompañado de Pomeroy Canon, Josef Swickard, Wallace Berry e Alice Terry. Esta película está considerada como unha das xoias do cine mudo da época. A adaptación foi feita por June Mathis, que foi unha das máis destacadas e ricas mulleres daquel tempo.
Anos máis tarde, en 1962, foi Vicenti Minelli quen se encargou do texto de Blasco Ibáñez, levando a cabo unha serie de modificacións e adaptacións máis próximas ao tempo en que foi rodada, pois está ambientada na Segunda Guerra Mundial. A película, cunha duración de 153 minutos, está protagonizada por Glenn Ford, Ingrid Thulin, Cesar Romero, Charles Boyer, Yvette Mimieux, Lee J. Cobb e Paul Henried.