Fundación Wenceslao Fernández Flórez

4 Marzo 2010

La campanilla y otros relatos

Arquivado en: Eventos — magago @ 12:23 pm

O pasado sábado, día 27 de febreiro, tivo lugar en Villa Florentina a presentación do libro de Javier Farto que leva por título La campanilla y otros relatos. Non podía ser elexido mellor lugar para a presentación dun libro que a casa dun escritor.

JAVIER FARTO.JPG

Javier Farto

Aínda que o tempo se prevía altamente venteado, finalmente Eolo optou por desviarse levemente e gardar a súa forza. Con tal motivo, Javier Farto fixo a súa presentación acompañado polo seu editor, Luis Sanz, ante un auditorio repleto de público. Por mor da ameza de temporal, aínda así, non puido participar neste envento a escritora Ánxela Gracián, como estaba previsto inicialmente.

PRES 1.JPG   PRES 3.JPG

Luis Sanz, quen veu desde Zaragoza específicamente para estar con nós, falounos da súa editorial, La Fragua del Trovador, e das súas metodoloxías de traballo e funcionamento. Naturalmente, tamén tivo palabras de eloxio para a obra editada, dando paso á lectura dramatizada dunha selección de textos da obra, lectura realizada por Alicia Longueira, do grupo de teatro Fas-que-fas, da FWFF. A lectura ofreceu ao público a ocasión de coñecer o estilo e temas que aparecen no libro, formado por un conxunto de relatos que, baixo a nosa opinión, entroncan dun xeito ou doutro coa vida real, actual, do noso tempo. Hai unha certa dureza nalgúns textos que abre os ollos ao lector que se identifica co tempo e co espacio narrados, ou ben que recoñece situacións directamente vencelladas coa condición humana. Mais tamén hai, como resaltou o autor, reflexo da sociedade galega en relatos como “El castaño”, por exemplo, reflexo do íntimo desexo da posesión da terra.

PRES 2.JPG

Falou, por último, o escritor para amosar a base da súa creación e consideracións particulares sobre o proceso da escritura, destacando influencias doutros autores polos que sinte especial simpatía, como é o caso de Borges. Recoñece nas palabras previas ao inicio da obra o poder destas influencias en relación co concepto de orixinalidade, apelando ao feito de que, antes de escribir, todo escritor foi lector e, no seu caso, grandísimo lector.

Agardamos que Javier Farto obteña grandes éxitos, non só con esta obra, senón coas que, co tempo, vaian vindo detrás.

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Semente RSS para os comentarios desta anotación. URI para o Rastro(Trackback)

Deixar un comentario

Xestionado con WordPress